O PSdeG-PSOE non adianta o sentido do seu voto no pleno extraordinario deste martes no que se pide a dimisión do alcalde.

Os socialistas acusan de “cinismo político” ao alcalde por responsabilizalos dos retrasos do AVE

O voceiro do grupo municipal socialista, José Ángel Vázquez Barquero, acusou este luns ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, de “cinismo político” por responsabilizar aos socialistas da parálise na integración da alta velocidade na cidade nos últimos catro anos. “É un alcalde de fraca memoria e manipulador, quen goberna desde 2011 é o PP; estes catro anos o proxecto estivo totalmente parado porque Ana Pastor quería aforrar en Ourense o que non aforraron noutras cidades”, subliñou Barquero.

O político socialista puntualizou as declaración do rexedor da semana pasada, recordando que foron gobernos socialistas en Madrid e en Ourense “os que traballaron para que se desenvolvese o proxecto da variante exterior”, pois os populares defenderan con anterioridade a chegada do tren de alta velocidade polo actual corredor. Tamén se referiu a que foi o Ministerio de Fomento da época socialista o que deixou feito un concurso público (o da futura estación) “que non foi recurrido por ningunha empresa das que concurriron” polo que considera “unha inmoralidade” por parte de Vázquez Abad sementar dúbidas sobre dito concurso.

Posición  no pleno extraordinario

Precisamente a chegada da alta velocidade á cidade e o proxecto de estación intermodal centrarán un pleno extraordinario solicitado por Democracia Ourensana e que o alcalde vén de fixar para este martes.  A proposta de DO é que o rexedor se comprometa a conseguir unha estación “digna” para Ourense, cun investimento de non menos de cen millóns, ou ben dimita.

O voceiro socialista non quixo adiantar o sentido do seu voto na sesión plenaria extraordinaria, pero intúese: “o noso discurso é evidente; denunciaremos a claudicación co proxecto do AVE”, afirmou Barquero.