O PP rexeitou a moción sobre a alta velocidade de Democracia Ourensana, que abandonou o pleno tras un altercado entre Gonzalo Jácome e Jesús Vázquez.

Fracasa a petición de dimisión do alcalde

A moción para que o alcalde de Ourense dimitise se non conseguía compromisos dun mínimo de 100 millóns de euros de investimento para a estación intermodal da cidade quedou en auga de borrallas. Nin Partido Socialista nin Ourense en Común apoiaron a proposta de Democracia Ourensana –por máis que dixeron compartir os seus argumentos, decidiron absterse- pero nin sequera houbo votos a favor, ao abandonar os de Gonzalo Pérez Jácome a sesión tras unha discusión co alcalde.

Na súa segunda intervención, Jácome acusou a Jesús Vázquez de rirse cando el estaba falando dos emigrantes, e tachouno de “maleducado” e “sinvergüenza”. O rexedor chamouno ao orde, ameazou con suspender ao pleno, e pediulle que retirara os insultos, decidindo finalmente quitarlle a palabra. Acto seguido Jácome instou aos seus á abandonar a sesión plenaria extraordinaria que eles mesmos solicitaran. De aí que a votación final fose de 10 votos en contra (os do PP), e 9 abstencións (as de PSOE e OUeC).

A este respecto, o rexedor negou que se rira dos emigrantes e enmarcou o comportamento de Jácome na busca dun “espectáculo”, “ao ver que os dous grupos (PSOE e OUeC) non lle entraban ao saco”. Martiño Xosé Vázquez de OUeC tamén o situou nunha “estratexia” de DO de buscar un titular na prensa.

Ao finalizar a sesión Gonzalo Jácome ratificouse no dito, “me ampara la libertad de expresión”, dixo. Ademais, acusou ao PSOE de ser “colaboracionista” co PP e afirmou que a súa postura no pleno deste martes será o seu “suicidio” nas eleccións autonómicas.

Argumentos
Mais non só houbo insultos no pleno extraordinario. A sesión comenzaba ás 10 da mañá con Pérez Jácome pedindo para Ourense “lo mismo que el resto de Galicia”, citando investimentos en Santiago de mil millóns de euros, na Coruña de 700 millóns ou en Vigo de 300 millóns. “Y Ourense, que la estación intermodal son 65 millones presupuestados dicen que es muy caro”, apuntaba.

O voceiro de Ourense en Común compartía a “indignación” de Pérez Jácome pola “mala xestión” do PP, en particular no que se refire á falta de coordinación entre administracións, por canto que a Xunta xa licitou a terminal de autobuses sen coñecer o proxecto da estación de tren. Como xa anunciaran na véspera, OUeC optaría pola abstención porque non concordaban na cifra de inversións solicitada, nin en que se concretaran as características técnicas nin en que se puxera un límite de tempo (final de abril) ao rexedor para acadar os compromisos.

O socialista José Ángel Vázquez Barquero tamén compartía o “malestar” e “cabreo” e mesmo a filosofía” da moción de DO, pero recoñecía “elementos de discrepancia” (no referido ao investimento solicitado) que os inclinaban a absterse. Barquero afirmaba que a posición do PP neste tema “sempre foi unha posición errática, entre o oportunismo político e a cicatería extrema.

Foi o edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro quen defendeu a posición do grupo de goberno. Nunha intervención lida, afirmou que DO propuña esta moción ante a súa “incapacidad” de asinar unha moción de censura. Entrando no contido, defendeu que o PP quere “una estación racional y económicamente viable”, que a súa postura é “constructiva y realista”, e considerou que o investimento que precisaba a estación de Norman Foster, que cifrou en 227 millóns de euros, é “un coste inasumible”. Cudeiro volveu insistir en que o que queren os ourensáns “es que llegue el AVE” e subliñou que toda a operación “al Concello non le costará nada”.

Pechou o debate Jesús Vázquez, que defendeu que “que este alcalde non berre, non monte espectáculos ou esboce un sorriso cando o insultan non significa que non defenda con firmeza os intereses desta cidade ante calquera sigla”. O político popular deu lectura a unha carta da ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, do 8 de abril, na que mantén o compromiso de presentar “en las próximas semanas” a proposta para a estación de Ourense. “Non temos motivos para desconfiar da palabra da ministra”, rematou.