Ademais da creación de sendas peonís e instalación de mobiliario, tamén se procederá á plantación de especies arbóreas singulares e levarase a cabo un tratamento de eliminación de especies invasoras.

Medio Rural destinará 60.000 euros para a adecuación de Montealegre

A Consellería do Medio Rural destinará preto de 60.000 euros á posta en valor do espazo forestal periurbano de Montealegre, co fin do seu disfrute “como esparcemento e como ámbito didáctico”. Así o destacou este mércores a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, na presentación das obras.

Segundo detallou o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, a actuación consiste na creación de 650 metros de sendas peonís, acompañadas de 50 metros de varandas nas zonas de desnivel, a colocación de mobilario de madeira (13 mesas con bancos, papeleiras e carteis inforamtivos), e a instalación de 300 metros de tendido de rego para axudar a manter o parque na época estival.

Tamén se levará a cabo un tratamento para eliminar as posibles especies invasoras presentes na zona, como as acacias, e se procederá á plantación de 2.000 especies arbóreas singulares.

Actuarase, en particular, nun ámbito de 20 hectáreas na zona norte de Montealegre, nun espazo de transición entre o actual parque e unha zona de monte. “Era unha zona abandonada e supuña un risco de incendios para o parque”, apuntaba Fernández-Couto.

Ademais, elaborarase un instrumento de xestión forestal por parte dun enxeñeiro de montes.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal apuntou que algúns destes traballos xa comezaron e conta con que estean“moi avanzados” no verán.

O recinto actual (pechado) de Montealegre alcanza os 146.000 metros cadrados. Nel hai 478 especies catalogadas, das cales 240 son autóctonas.

O alcalde de Ourense non quixo entrar no debate do nome de Montealegre (xardín botánico, parque forestal ou parque periurbano). “O que si está claro é que lle temos que sacar partido. Isto é un paso máis, pouco a pouco querémolo ir dotando de novas infraestruturas, como parques biosaudables”, precisou. Nesa liña recordou os obradoiros para cativos e adultos que hai todas as fins de semana, e anunciou as exposicións de bonsáis e plantas carnívoras para os meses de maio e xuño.

Accesos

Preguntado pola mellora dos accesos por estrada a Montealegre, Jesús Vázquez indicou que están feitos os proxectos –estaba previsto que se executara na segunda fase do Plan municipal de investimentos- pero que falta “a dispoñibilidade económica para levar a cabo ese achegamento do parque á cidade”. “Estamos falando de contías bastante importantes”, valorou Vázquez Abad, pois non se trataría só de renovar o firme do vial, senón tamén de mellorar a seguridade vial ampliando as zonas de paso para os peóns, o que implicaría expropiacións.