Unha campaña de mobiliario urbano promove os atractivos da capital termal: concurso de Pinchos, a festividade dos Maios, a Miteu, a Shopping Night ou os descontos nos billetes de tren á nosa cidade.

O Concello de Ourense promociona o ciclo festivo e cultural dos Maios en Santiago e A Coruña

Estar conectados por tren a unha hora de A Coruña e a 35 minutos de Santiago de Compostela, dous dos polos de maior recepción de visitantes de toda Galicia, levou á Concellería de Turismo e Termalismo a promocionar os atractivos de Ourense nestas dúas cidades cunha campaña de promoción que leva o lema de ‘Ourense, un plan perfecto’.

O termalismo, a gastronomía -en plena celebración do concurso de pinchos de primavera-, a cultura -coa celebración dos Maios, festa de interese turístico- e o lecer -Shopping Night, o venres 29- concentran a oferta de Ourense durante a vindeira semana, á que se unen outros eventos coma a Miteu ou a Feira de Artesanía.

A campaña de promoción municipal está reforzada ademais pola oferta de desconto nos traxectos de tren con destino a Ourense que realiza Renfe desde o 23 de abril ao 3 de maio: un 30% de desconto en todos os seus trens. A promoción é válida para os billetes mercados online, para o que será preciso introducir o código 301610610, coma para os físicos, sendo necesario imprimir o correspondente cupón de desconto dispoñible a través das webs municipais: ourense.gal e turismodeourense.com.

Implicación do sector hoteleiro

Á axenda propia da chegada da primavera e aos descontos ofrecidos por Renfe, súmase tamén o esforzo dos establecementos hoteleiros da cidade, que prepararon unha serie de paquetes turísticos para atraer visitantes á nosa cidade. Paquetes de aloxamento, comida e sesións termais, descontos ou menús especiais de tempada son só algunhas das propostas que os establecementos da cidade lle fan aos potenciais visitantes da cidade.

Toda a información sobre estes paquetes turísticos, así como sobre a axenda de actividades do concurso de pinchos, Maios ou feira de artesanía, está dispoñible a través da web municipal de Turismo, e o persoal da Oficina de Turismo ofrecerá ademais todo tipo de explicacións aos turistas que nos visiten ao longo destes días.