Un estudo presenta no Auditorio de Verín a historia das 20 cabeceiras editadas no Val de Monterrei nos últimos 150 anos.

Profesionais, docentes e estudantes analizan en Verín o futuro do audiovisual galego

A comarca de Monterrei aglutinou máis de 20 cabeceiras xornalísticas dende mediados do século XIX, algunhas das cales mantiveron unha intensa actividade editorial, coma El Támega ou El Eco de Monterrey (republicano e conservador, respectivamente) convertendo a esta zona na máis prolífica en actividade comunicacional, xunto coa capital da provincia.

Este estudo foi proporcionado no seo das I Xornadas de Radio e Televisión, organizado pola Universidade de Santiago e o Concello de Verín no novo Auditorio da Vila. Os exemplares orixinais e o estudo cronolóxico foi proporcionado polo ex alcalde Santiago Cid Harguindey, abarcando unha vintena de cabeceiras con abundantes referencias e publicidade comercial de coñecidas familias da vila.

A xornada arrancou coa intervención de Miguel Ángel Ortiz, profesor da Universidade Complutense de Madrid e ex responsable de Radio Nacional de España, que destacou o enorme potencial das radios locais como “escaparate cara o mundo e de promoción e acceso á cultura” dos pequenos e medianos municipios” porque funcionan “de abaixo arriba” ó contrario que as grandes cadeas, permitindo a difusión dos valores locais.

“Poño por exemplo o fenómeno do Entroido en Verín”, dixo aludindo á vila, “¿cantos minutos pode ter en RNE ou as grandes cadeas, dous, tres..? Pois na radio local podería ter unha dimensión maior que dera cabida a todos os colectivos locais, por exemplo”.

Ciclo de audiovisuais

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, agradeceu na inauguración das xornadas a cesión da investigación do seu predecesor, Santiago Cid, sobre a prensa local do Támega e a participación da Universidade de Santiago na análise mediática desprazada ata a vila.

Seoane apuntou que o sentido das xornadas está centrado na reivindicación de novas ensinanzas regradas para a comarca, concretamente o ciclo de Imaxe e Son para que os estudantes de ensino medio vexan incrementada a súa oferta docente no ámbito da eurocidade. “Imos esixirlle á Xunta, da man dos directores dos centros, que salden a débeda histórica que manteñen cos mozos e mozas de Verín: darlle a oportunidade de formarse en estudios de FP acorde cos tempos”.