A directora de Turismo de Galicia destaca que este anunco será “unha importante carta de presentación de Galicia como destino a nivel nacional”.

O spot oficial de La Vuelta 2016 gravouse en Laias

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o director de Unipublic, Javier Guillén, visitaron este luns o Balneario de Laias para asistir á grabación do spot oficial de La Vuelta Ciclista a España 2016.

A canción oficial desta nova edición, que servirá tamén de base para o spot de promoción do evento, estará interpretada pola cantante Marta Sánchez e contará coa participación de artistas galegos, Daniel Minimalia e Anxo Lorenzo, e o humorista David Amor.

Durante a visita a directora de Turismo de Galicia sinalou que Marta Sánchez é a artista perfecta para poñer voz a esta nova edición de La Vuelta Ciclista xa que conta con numerosos seguidores e un gran prestixio, tal e como avalan os seus trinta anos como artista e os máis de 8 millóns de discos vendidos.

Así mesmo, Castro destacou que a gravación do anuncio promocional se rodará integramente na nosa comunidade e a emisión do anuncio en Televisión Española estenderase entre os meses de xullo e setembro constituíndo, segundo sinalou, “unha importante carta de presentación de Galicia como destino a nivel nacional”.

Por outra parte, resaltou que a nosa comunidade ocupará un lugar moi destacado neste gran acontecemento deportivo recordando que Galicia será o punto de partida deste evento.

 

Gran repercusión

A responsable de Turismo da Xunta fixo referencia á gran repercusión que xerou a última edición de La Vuelta Ciclista en Galicia.

Neste senso, afirmou que tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapa, a nosa comunidade contou cun nivel de participación masiva, rexistrando máis de 2 millóns de público.

Así mesmo, Nava Castro sinalou que esta competición deportiva foi seguida por un gran número de espectadores a través das pantallas de varios países do mundo, acadando a cobertura internacional un total de 190 países dos cinco continentes.