A Concellería de Cultura quere convertir a Alameda na xornada do domingo nunha romaría.

A festa dos Maios repartirá 1.700 euros en premios

Actividades desde as 11 da mañá ás 7 da tarde e 1.700 euros en premios son os atractivos para público e participantes na Festa dos Maios de Ourense, que se celebra o vindeiro domingo 1 de maio. A Concellería de Cultura quere converter este ano a celebración na Alameda nunha auténtica romaría, polo que, a maiores dos maios e da animación musical, decidiu instalar un posto de polbo para que os participantes na festa poidan xantar no lugar.

A programación comeza na véspera, cun concerto ás 22:30 horas do grupo Prímula na praza de San Martiño. Xa o domingo, a partir das 11 empezarán a colocarse os maios na Alameda; pouco despois os gaiteiros “Os Carapaos” e os cabezudos comezarán a animar a festa. A mediodía o xurado visitará as diferentes figuras e escoitará cantar as coplas. Logo do xantar, haberá xogos populares e obradoiros de enredos naturais e tocarán os gaiteiros “Os Gomes Mouro” .

Ás 18:30 h entregaranse os premios. Nesta ocasión hai 500 euros para o mellor maio artístico, 300 euros para o maio enxebre, 200 euros para o maio máis creativo e 200 euros para o mellor maio infantil. Ademais, as mellores coplas e as mellores coplas infantís serán galardoadas con 200 euros cada unha.  Polo momento só hai inscritos nove colectivos, aínda que desde o departamento de Cultura agardan que ao final se alcancen unha cifra de “entre 20 e 30 maios”, similar á doutros anos, apuntaba a técnica María Díaz.  O prazo para inscribirse remata este xoves 28 ás 14 horas.

Durante toda a xornada elaborarase un maio de forma tradicional para que todas as persoas poidan ver como é o proceso de elaboración.

A actuación do grupo Sons do Douro no palco da Alameda ás 7 da tarde porá o broche final a esta festa, declarada de interese turístico en 2011. Unha festividade “arraigada” e “100% ourensá”, resaltaba a edil de Cultura, Belén Iglesias, que informou da campaña turística posta en marcha polo Concello de Ourense para atraer visitantes a próxima fin de semana. Amáis de publicitar “Ourense, un plan perfecto” en Santiago e A Coruña, haberá descontos do 30% para quen colla o tren para visitarnos, grazas a un acordo con Renfe, e os establecementos hoteleiros ofertarán paquetes turísticos de aloxamento, comida e visita ás termas. As condicións están dispoñibles na web municipal de Turismo.

A autora do cartel co que se promocionarán os Maios este ano é Ruth González, que gañou o concurso convocado pola Concellería de Cultura para tal fin.