A tarxeta “chegOU” permitirá aos beneficiarios mercar en farmacias e parafarmacias ourensás produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde para os bebés

A Deputación de Ourense asina con ABANCA e co Colexio de Farmacéuticos senllos convenios de apoio á natalidade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou co director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, e co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Jairo, Álvarez Fernández, senllos convenios de colaboración de apoio á natalidade na provincia ourensá. Trátase dun programa no que a Deputación de Ourense inviste un importe mínimo de 800.000 euros para outorgar axudas económicas de 300 euros ás familias con fillas e fillas nados na provincia de Ourense ao longo deste ano 2016.

Dita axuda canalizarase por medio da denominada tarxeta “chegOU”, que permitirá ás familias mercar en farmacias e parafarmacias ourensás produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde para os bebés. Os beneficiarios sos proxenitores ou adoptantes dun bebé nacido en 2016, debendo figurar empadroados nun concello da provincia de Ourense cunha antigüidade de aló menos 2 anos inmediatamente anterior á data do nacemento do menor que motiva a solicitude.

Esta iniciativa, segundo informou Manuel Baltar no acto de presentación, “forma parte do “1º Plan de Natalidade” que desenvolve o goberno provincial. Baltar agradeceu a colaboración tanto de ABANCA como do Colexio de Farmacéuticos de Ourense “para levar a cabo, coa cooperación de todos, esta medida que se pon en marcha por primeira vez na historia da Deputación de Ourense”.

Pola súa banda, Rubén Saavedra dixo que ABANCA realizará a función operativa da tarxeta “chegOU” “para poñer este medio a disposición dos beneficiarios”, e neste sentido, destacou “a experiencia de 15 anos que temos nos medios pre-pago, xestionando na actualidade 1,3 millóns de tarxetas destas características”.

Finalmente, o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense amosou a “satisfacción do colectivo farmacéutico por colaborar coa Deputación neste programa de natalidade, co cal temos a vontade de seguir cooperando nos vindeiros anos”.

ABANCA xestionará de modo independente cada tarxeta beneficiaria e realizará nela as cargas que o ente provincial lle indique, e a Deputación de Ourense será titular de todas as tarxetas solicitadas á entidade. O goberno provincial remitirá as tarxetas ás familias así como as instrucións para a súa activación e informará das condicións de uso.

A Deputación de Ourense abrirá nas próximas semanas, unha vez publicada a información no Boletín Oficial da Provincia, esta convocatoria para a concesión das axudas á natalidade. Trala apertura do prazo poderán comezar a tramitarse as axudas ao longo de todo o ano 2016, excepto no caso de que o nacemento do menor teña lugar en decembro de 2016, para o cal, o prazo de solicitude ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2017. As solicitudes deberanse presentar telematicamente, a través do enderezo http://natalidade.depourense.es no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación de Ourense.