A presidenta da asociación de veciños O Barrio, Inma Freijeiro, achéganos ás necesidades da súa zona e ao complexo labor do movemento veciñal.

“Cando imos cun problema importante os políticos pasan de nós, nin as manifestacións lles afectan”

Por Silvia Nieto.

O traballo dos presidentes das asociacións de veciños é tan desinteresado como complexo. Explicarlle á xente do barrio a indiferencia dos gobernantes non é sinxelo, non perder o ánimo no intento, tampouco.

Falamos con Inma Freijeiro, presidenta da asociación de veciños O Barrio dende hai máis de 20 anos.  Ás demandas da zona sen atender polos políticos, súmaselle agora a posibilidade de perder o actual local veciñal se o propietario non se presenta ao concurso público que está a realizar o Concello.

Cando se creou a AVV O Barrio?
Inma Freijeiro: “A asociación créase no ano 1995, a demanda de varios veciños que se ven abandonados entre San Francisco e a Inmaculada, asociacións en funcionamento nesa época. Quedaba unha parte de barrio sen cubrir e por iso nace esta asociación. O noso núcleo estaba entre a vía do tren e a Inmaculada nese momento, agora cubrimos até Barrocás, xa que desapareceu a asociacion da Inmaculada”.

E dende cando eres a súa presidenta?
I.F. : “Lamento dicir que a presidenta era e sigo sendo eu, así como o 90% da directiva, é moi difícil atopar xente que se queira dedicar ao movemento veciñal, é algo totalmente altruísta e con pouco agradecemento, por políticos e veciños. Despois de 20 anos pode que chegase o momento de abandonar, téñoo na miña mente hai tempo”.

Que valoración xeral fas do trato e atención mostrado polos políticos locais ante as vosas peticións?
I.F.: “Nestes 20 anos houbo de todo, como en todas partes, en xeral daríalles un aprobado, os representantes veciñais facemos un labor importante á administración, canalizando demandas de veciños, organizando actividades que se poderían organizar en centros cívicos ou culturais, inexistentes até hai uns anos,e cando imos cun problema importante como foi para nós o tema das antenas de telefonía móbil hai uns anos, e agora o tema de velocidade na nosa zona, pasan de nós, nos últimos anos nin as manifestacións lles afectan.

Debo dicir que a anterior concelleira de Participación Cidadá foi unha persoa moi preocupada polo movemento veciñal, e facilitounos moito as cousas, é xusto darlle as grazas publicamente desde a nosa asociación”.

Notastes algún cambio dende que mudou o goberno en xuño de 2015?
I.F.: “Co novo goberno é mais do mesmo, hai políticos cos que é moi sinxelo manter un contacto directo, e atenden as nosas peticións nun tempo récord… e outros non te atenden en meses”.

Que melloras observaches neste tempo?
I.F.: “Neste momento estamos moi contentos, porque un tema moi importante para a nosa  asociación é o exceso de velocidade que sofre a estrada da Granxa, e os sinistros que se producen cada fin de semana practicamente, e en breve, a Xunta comeza un proxecto para repintar a sinalización na zona, con glorietas, recolocación de colectores, e un paso de peóns elevado. Costounos case 20 anos que nos atendan, pero por fin conseguímolo, pero como che dicía antes, foi moito traballo, escritos, entrevistas, protestas, firmas…… Neste tema e en xeral é difícil entender porque custa tanto atender estas peticións, non supoñen grandes infraestruturas nin cifras desproporcionadas, é incrible que tarden tanto en levalas a cabo”.

Cales son as demandas dos veciños que continúan sen ser atendidas?
I.F.: “Fáltanos por cumprir un soño co que empezamos, un centro de saúde para o noso barrio, pero co momento económico que se vive xa non está nos nosos plans. Tamén nos gustaría ver cuberto outro anaco de vía, cando empezamos hai anos recollendo sinaturas para que se cubrise chamábannos tolos, e agora é un espazo que se fai pequeno, pero é tamén un investimento importante polo que teremos que esperar”.

Cres que os barrios estàn discriminados en relación ao centro?
I.F.: “A diferenza co centro nós sentímolo sobre todo en temas de beirarrúas, papeleiras, iluminación… As nosas beirarrúas estan que dan pena, e por exemplo Paz Nóvoa xa é a terceira vez que a arranxan.

Aínda así, conseguimos mellorar aos poucos o noso barrio, o parque das Zapatillas, rebaixes en beirarrúas para facilitarlle a vida aos maiores, un semáforo á altura da asociación, maior sinalización no chan,un parque biosaudable…”.

Dende o Concello sacaron a concurso os locais das distintas asociacións para que se presenten os propietados de cada zona, como se atopa o voso caso?
I.F.: “O noso saíu a concurso en decembro, pero o actual propietario non se presentou, ningún da zona o fixo, non hai ademais ningún local na zona que reúna as características, co cal se ninguén se presenta nesta segunda convocatoria por moito que o Concello nos diga que nos mantén a asociación, sen local é inviable. Ven a xente botar a partida todos os días, temos zumba, ioga, actividades… Se non temos local teriamos que disolver a asociación.
Ao dono deste local non lle interesa porque lle baixan o prezo. El está no seu dereito, por moito que nós lle pidamos. Cremos que se presentará na segunda convocatoria, pero se non o fai non temos opción. El estaría disposto se lle manteñen o prezo, porque é un diñeiro seguro todo o ano, non somos unha actividade molesta, e nós estamos moi cómodos acá, é un local moi grande, ben situado, permítenos facer todo tipo de actividades, incluso as que son ao aire libre, porque temos acá unha explanada. Ademais, ven xente da Inmaculada, de Serra Martiñá, de San Francisco, porque estamos xusto no centro”.

Que actividades ofrece a asociación?
I.F.: “Celebramos cos veciños as festas do magosto e San Xoán, realizamos excursións, temos zumba e ioga, talleres de repostería para nenos, e as charlas informativas que vaian xurdindo. Esta semana tivemos unha de diabetes impartida por Cruz Vermella”.