A última vez que se celebraran estes foros foi en decembro de 2013.

A Concellería de Asuntos Sociais vén de celebrar senllos consellos municipais, o de Servizos Sociais e o de Maiores, inactivos desde decembro de 2013. Ambas reunións, celebradas no Centro Cívico de Colón, congregaron a diferentes asociacións e colectivos da cidade, así coma os grupos políticos representados no Concello, para reactivar os grupos de traballo para asuntos coma a elaboración dunha guía de servizos sociais do concello de Ourense ou a adhesión á rede de cidades amigables coas persoas maiores.

A primeira das reunións, a de Servizos Sociais, celebrouse este mércores coa participación de 13 novas entidades, entre as que destacan Down Ourense, Apes ou a Fundación Juan Soñador. Ademais de establecer o plan de traballo para os vindeiros meses, coa elaboración da guía, o Consello fixou a vindeira reunión para o mes de xuño.

Esta mañá, no mesmo escenario, celebrouse unha sesión do Consello de Maiores da Cidade de Ourense. Este foro, coma o anterior, levaba sen fixarse desde 2013, e servirá para recoller suxestións de asociacións de veciños e diferentes colectivos, así coma de grupos políticos e departamentos municipais, en relación ao que pode facer o Concello polas persoas maiores da cidade. Entre outras conclusións, decidiuse reactivar a participación do Concello na rede de cidade amigables coas persoas maiores, da que Ourense forma parte. Ademais, avanzouse na necesidade de elaborar un Plan Municipal de Maiores, para o que se fixou un grupo de traballo. A vindeira reunión deste consello quedou para o mes de xuño.

A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, valoraba positivamente a convocatoria de ambos consellos: “Son unha ferramenta moi útil para escoitar os cidadáns e marcar novas liñas de traballo no departamento”.