O alcalde solicitou esta adhesión, “posto que é unha prioridade para o Concello de Ourense que tal e como se pretende con este programa, poidan mobilizarse as vivendas baleiras existentes na nosa cidade para destinalas a alugueiro social”.

O Concello de Ourense é o primeiro -e polo de agora único- municipio de España en solicitar formalmente e por escrito a súa adhesión ao Convenio da Federación Española de Municipios e Provincias para levar a cabo o Programa de Vivendas Baleiras en colaboración cos concellos, incluido dentro das distintas medidas adoptadas neste eido pola Xunta de Galicia, toda vez que o Executivo autonómico vén de autorizar o devandito convenio coa FEMP.

Deste xeito, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, solicitou en nome do Concello a adhesión ao convenio, coa próxima sinatura do acordo correspondente, “posto que é unha prioridade para o Concello de Ourense que, tal e como se pretende con este programa, podan mobilizarse as vivendas baleiras existentes na nosa cidade para destinalas a alugueiro social”.

A Lei de vivenda de Galicia establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en aluguer de vivendas baleiras, co obxectivo prioritario de favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular aos colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

O contexto de crise dos últimos anos motivou que moitas persoas se visen en risco de perder a súa vivenda habitual ante a imposibilidade de facer fronte ao pago das cotas hipotecarias ou das rendas de aluguer. Ante esta situación a Xunta de Galicia vén impulsando dende hai anos diferentes programas. Entre as medidas adoptadas está o Plan Rehavita, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Un plan que ten como primeiro eixo de actuación o “acceso á vivenda” a través de diferentes programas.

Entre eles, recóllese o Programa de Vivendas Baleiras co que se pretende mobilizar as vivendas baleiras existentes en Galicia, calquera que sexa o seu propietario, para destinalas a alugueiro social. Este Programa desenvolverase en colaboración cos concellos, que serán os encargados de propoñer as vivendas que se poidan incorporar así como os adxudicatarios das mesmas, sempre respectando os requisitos establecidos.

A Xunta de Galicia vén de autorizar o convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias polo que a Fegamp difundirá entre os concellos a creación deste Programa e promoverá a súa incorporación ao mesmo.  Pola súa parte, a Xunta comprometese a proporcionar para as vivendas que se incorporen un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía do cobro da renda.