A Concellería lanza esta iniciativa coa idea de crear un amplo catálogo que sirva de lanzadeira profesional aos ourensáns con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.

Chámase ‘Guía da mocidade creativa’, e quere canalizar a expresión artística da mocidade de Ourense a través dun espazo online ao que poder subir a música, xoiaría, literatura, pintura, escultura, cinema, fotografía, danza, teatro, banda deseñada, poesía, deseño gráfico, artesanía, moda, tatuaxe, ilustración, arte urbana, audiovisuais… ou calquera outra disciplina. A Concellería de Xuventude lanza esta iniciativa, que se levará a cabo desde o Espazo Lusquiños da Mocidade, de xeito gratuíto e coa idea de crear un amplo catálogo que sirva de lanzadeira profesional aos ourensáns con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos sen experiencia profesional.

Os obxectivos que persegue esta guía van desde estimular a actividade creativa entre a mocidade, incentivar o espírito participativo e colaborativo en proxectos de cidadanía activa e dinamizadora ou fomentar o asociacionismo xuvenil a través da creación de grupos (de teatro, musicais, etc.). A maiores, preténdese elaborar unha base de datos completa sobre artistas para pór en valor o seu traballo, facilitar a súa localización e conseguir para eles e elas unha saída profesional. Unha forma de poñer en contacto os artistas para xerar sinerxias entre eles e favorecer a creación de equipos interdisciplinares, cooperativas ou colaboracións, unha das teimas da Concellería de Xuventude.

Esta guía persegue, igualmente, formar os artistas no eido empresarial para que poidan ter recursos propios que lles permitan desenvolver un proxecto, ben como autónomos ou cooperativistas. Así, quéreselle dar ao sector público e privado un lugar de referencia ao que os programadores de actividades poidan acudir para posibles contratacións.

Apuntarse na Guía e participar da iniciativa é sinxelo e gratuíto. Só hai que enviar unha ficha -dispoñible na web do Espazo Lusquiños– debidamente cuberta, e achegar un dossier informativo detallando en que consiste o  traballo, traxectoria, actuacións, ou ligazóns a redes sociais, web ou mesmo youtube. Unha vez haxa un número considerable de usuarios, realizarase unha reunión para fomentar o contacto e a interrelación entre eles.