A Praza da Mercé acollerá o vindeiro domingo 15 de maio a primeira edición da Feira Solidaria.

O Concello de Verín envórcase cos seus colectivos máis necesitados

A Praza da Mercé acollerá o vindeiro domingo 15 de maio a primeira edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. Esta iniciativa, que pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro participantes, contará cun total de 15 entidades, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.

Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse, recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen, conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus  proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común  entre os seus organizadores e colaboradores.

Purificación Caldelas, concelleira de Turismo, quixo recalcar a especial importancia que ten “visibilizar o importante labor que realizan estas entidades como representes do tecido socioeconómico da comarca e a necesidade de por en valor o seu papel na promoción e defensa común dos intereses e dereitos de colectivos deas favorecidas”.

Unidos por unha causa común

Parte dos beneficios recadados na I Feira Solidaria irán destinados a unha menor verinense, afectada con ataxia por ataxia cerebelosa, con obxecto de axudar no tratamento para loitar contra a súa enfermidade.

Actividades paralelas

Entre as actividades paralelas que se ofrecerán na feira solidaria, e que se confirmarán a próxima semana, destacan charlas, música en directo,  e talleres e actividades variadas para todas as idades.