A empresa que construíu o parque incluirá unha capa intermedia baixo o céspede artificial para que leve a electricidade fóra de campo de xogos.

O parque infantil da estación de autobuses refórmase para previr as descargas de electricidade estática

O parque infantil da estación de autobuses permanece valado desde este mércores polos traballos de mellora que se levarán a cabo durante as vindeiras dúas semanas, logo de detectar casos de descargas de electricidade estática por parte de diferentes usuarios. A propia empresa que construíu o parque en xullo de 2015 (HPC Ibérica) farase cargo das actuacións sen custo para as arcas municipais -está en garantía-.

A orientación do parque e a elevada exposición ao sol aumenta a posibilidade de que se xere electricidade estática nas partes metálicas dos xogos. Ademais, e no caso de estar danado o tear de céspede, non se eliminaría correctamente a electricidade, molesta para os usuarios.

A empresa realizará unha limpeza da capa de area de sílice coa que se lastrou o céspede, que será retirado para instalar unha capa anti-estática de poliéster con fío de aceiro sobre toda a superficie e perímetro do parque, de forma que se conduza a electricidade estática fóra do campo de xogos. O último paso, previo á reapertura, será a colocación da capa de céspede artificial.

A Asociación Veciñal As Termas trasladara ao Concello a solicitude de melloras no illamento e reposición de árbores secas -o que permitirá crear zonas de sombra tan demandadas polos usuarios-que agora serán atendidas.