O Concello de Verín inicia o acondicionamento das ribeiras do Támega no seu tramo urbano.

Reabre a reformada pasarela sobre o Támega

O Concello de Verín iniciou o Plan de Acondicionamento das Ribeiras do Támega para encarar a chegada do próximo verán con estas zonas verdes e de baño en plenas condicións. Así, vense de abrir ao tránsito peonil na pasarela reformada sobre o río na zona do Olivar, cunha inversión de 50.000 euros, así como melloras na pasarela da praia fluvial e a plantación de novas árbores.

A pasarela do Olivar arrastraba defectos de conservación que se traducían na podremia da madeira da banda de tránsito e defectos de seguridade. A obra acometida polo Concello de Verín consistiu no reforzo da pasarela cun entramado estrutural e o reaproveitamento da madeira útil para botar de novo a plataforma, unha vez restaurada.

Igualmente, na beira dereita, procedeuse á plantación de novas ringleiras de árbores de sombra para reforzar a zona verde e implementar a vexetación de ribeira. Por outra banda, tamén se reforzaron e sustituiron os banzos da pasarela na zona fluvial próxima á Alameda, que estaban podres e constituían un risco para a seguridade.

Por outra banda, na zona recreativa de Pazos os operarios municipais procederon aodesboco da maleza e ao acondicionamento das áreas de esparcimento.

Plan de Acondionamento das Ribeiras do Támega

Estas actuacións forman parte do anunciado Plan de Acondionamento das Ribeiras do Támega, un proxecto encargado polo alcalde, Gerardo Seoane, para renovar todo o longo do tramo do río no termo municipal, baixo as premisas de “lograr un aspecto similar ao que teñen os ríos do norte de Europa, do que é un bo exemplo o Canal du Midi en Francia, onde se atopou o equilibrio necesario entre o coidado do medio ambiente e o turismo fluvial, coa plantación de 60.000 árbores en ambas marxes”.