Médicos do CHUO, do CHOP, do CHUAC, do HULA, do Álvaro Cunqueiro e de Povisa imparten as sesións prácticas no Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas

Xinecólogos de toda Galicia fórmanse en cirurxía laparoscópica na Tecnópole

Especialistas en xinecoloxía e obstetricia de hospitais públicos das catro provincias están a formarse en Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole ao longo deste ano en técnicas de cirurxía laparoscópica. O obxectivo deste adestramento práctico é que nun prazo de tempo o máis breve posible o 100% das intervencións xinecolóxicas de calquera tipo que se realicen na sanidade pública galega sexan mediante estas técnicas, minimamente invasivas e máis seguras e eficaces.

A formación está a levarse a cabo no Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas (Tecmeva) de Tecnópole, que organiza os cursos xunto coa Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX), co apoio da Fundación Paideia Galiza e a colaboración das empresas Coren e Karl Storz, esta última en calidade de socio tecnolóxico. O adestramento complétase con sesións experimentais no Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo.

Na sesión central do adestramento, 13 especialistas dos complexos hospitalarios de Ourense, Vigo, Pontevedra, A Coruña e Lugo, ademais de Povisa, forman a 11 xinecólogos procedentes de Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Riveira e Cee.

“Conseguimos unir a todos os xinecólogos de Galicia que están a realizar cirurxía laparoscópica para ser profesores no proxecto. Formouse un grupo para que Galicia este ano máis alto desta técnica. O seguinte paso será a cirurxía robótica”, expón Casimiro Obispo, presidente da SGOX.

A formación é moi personalizada para garantir que a adquisición de coñecementos e habilidades sexa óptima. “O noso obxectivo é lograr que a cirurxía xinecolóxica sexa toda por laparoscopia. Nestes momentos non atopo xa ningunha intervención desta especialidade que sexa mellor realizar pola vía tradicional. Só se precisa dos medios axeitados, entre os que se inclúe unha práctica adecuada por parte dos xinecólogos”, explica Obispo.

O presidente da SGOX asegura que cando visitou o Tecmeva “quedei sorprendido. Ten material de primeira magnitude e unhas instalacións cómodas para desenvover a aprendizaxe”, ao que engade o apoio da Tecnópole para atopar empresas colaboradoras.

A cirurxía laparoscópica ofrece unha alternativa á convencional (aberta) a través de pequenas incisións (un centímetro ou menos) polas que se introduce instrumental de tamaño minúsculo e unha cámara que guía a intervención con imaxes de alta precisión. Ademais de resultar máis seguras e efectivas, estas técnicas minimamente invasivas minimizan os riscos e permiten unha recuperación máis rápida dos pacientes. “A cirurxía laparoscópica achega un campo cirúrxico maior e unha mellor visión a través de imaxes que melloran a visibilidade directa do ollo humano”, aclara Obispo.

Durante o curso, os alumnos e alumnas aprenden a aplicar estas técnicas á ligadura de trompas, á extirpación de quistes e hernias, á determinación do estadio dun tumor, á endometriose, etc. Para facelo posible, teñen á súa disposición en Tecmeva unha sala de adestramento con catro postos completos de endoscopia e un quirófano con instrumental e material específico de cirurxía laparoscópica, ademais de dous simuladores virtuais.