O Goberno do PP levará este venres a pleno un resultado orzamentario de máis 19 millóns de euros e un remanente de tesouraría de máis de 43 millóns de euros.

Barquero opina que o resultado orzamentario do Concello «deixa en evidencia ao alcalde»

Na orde do día do pleno deste venres 6 de maio de 2016, o Goberno Municipal porá en coñecemento entre as resolución ditadas dende o último pleno, o decreto polo que se aproba a liquidación do orzamento do Concello de Ourense, correspondente ao exercicio económico 2015.

Neste decreto, cabe salientar que o resultado orzamentario do Exercicio 2015 é de máis de 19 millóns de euros e o remanente de tesouraría para gastos xerais é de máis de 43 millóns de euros. Polo cal, o voceiro do grupo municipal socialista José Ángel Vázquez Barquero denuncia que “cando o Alcalde se queixaba da herdanza económica recibida, que non tiña cartos para xestionar nada, e que todo era culpa da mala xestión económica dos socialistas, agora nos atopamos que a herdanza é inmellorable e todo era unha mentira, cun resultado orzamentario superior aos 19 millóns e un remanente de tesouraría de máis de 43, está claro que nin souberon nin quixeron saber xestionar este superávit para beneficio dos cidadáns de Ourense e optaron por culpabilizar ao PSOE da súa mala xestión e ineficacia”.

Barquero recorda tamén que “Ourense segue sen ter un proxecto de cidade, o Goberno municipal segue instalado na autocomplacencia e o alcalde segue a esquecerse dos proxectos estratéxicos e continúa a ser incapaz de levar adiante a xestión cotiá do Concello, co conseguinte crecente déficit democrático e o sistemático incumprimento dos acordos do Pleno, inclusive aqueles acordos respaldados polo propio PP. A conclusión á que chegamos é que máis alá da apropiación dos proxectos iniciados polo goberno anterior, a verdade é que hai poucas novidades por parte deste Goberno».