A exposición de Iria Blanco poderase ver ata o 5 de xuño.

Iria Blanco inaugurou este xoves no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a exposición “As cores do jazz”, unha mostra na que os principais artistas da historia do jazz universal aparecen representados pictoricamente, nun estilo moi persoal e cheo de sentimento.

“Do mesmo modo que a moitos músicos de jazz gustáballes titular temas con cores, coma Duke Ellington: Panorama sepia, mood indigo, black and tan fantasy ou blue in green de Miles Davis/Bill Evans, eu quixen nesta exposición expresar como sinto a música jazz cando pinto, como unha sinestesia, intercambio, nesa similitude dos distintos territorios da sensibilidade da arte”, sinalou a artista na inauguración da mostra. A exposición está feita dunha maneira cinematográfica, en branco e negro, e deixa á imaxinación dos espectadores para que cada un, na súa contemplación, lle superpoña mentalmente a cor que prefira.

Iria Blanco recoñece que o jazz “é unha fonte de inspiración nas miñas cores, e as miñas pinceladas son a grafía ou notas musicais”.

Este mes de maio Ourense acolle o Festival de Jazz de primavera e esta exposición convértese nunha oferta cultural complementaria para os amantes deste estilo musical. A mostra estará aberta ao público ata o 5 de xuño.