O sindicato CIG ten constancia de que en días pasados os membros da Policía Local que traballa a quendas no Concello do Carballiño tiveron unha xuntanza co alcalde e o concelleiro responsable para manifestarlle o seu descontento co funcionamento do servizo.

«Este malestar ben dado porque non existe unha cadea de mando clara e efectiva, atopándose o servizo en quendas de traballo onde non existe unha xefatura efectiva no corpo, o que pode dar a situacións de inseguridade», apuntan desde a CIG.

Na Policía Local do Carballiño existía a figura de sarxento na relación de postos de traballo, coas funcións de xefe da policía, figura que foi amortizada da RPT o que provocou que a xefatura de Policía se crease a través dun decreto de Alcaldía, «onde non se respectan os principios de igualdade, mérito e capacidade», sinala a central sindical. Dende a CIG esixen que se anule dito decreto e se convoque a cobertura de dita xefatura a través de criterios obxectivos.

Ademais, reclaman que se fagan unhas quendas de traballo anuais onde figure a presenza e horario da xefatura do servizo, cubrindo as diferentes quendas de traballo. «O que non pode pasar é que non se saiba en ningún momento cando vai a estar dispoñible ou que na semana estea unicamente dous días sen ningún tipo de xustificación».

As críticas do sindicato esténdese ao estado dos vehículos deste corpo de seguridade: «os 12 axentes que están a facer servizos a quendas están a utilizar vehículos con diferentes problemas mecánicos, cando outros que están en perfectas condicións non se sabe a utilización que se fai deles».

E por último, a CIG cre que non hai un reparto obxectivo dos diferentes conceptos de produtividade.