Estiman que se perdeu un 60% da colleita de cereal de ciclo longo.

ADEGAL solicita axudas económicas para A Limia polos asolagamentos

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) vén de solicitar á Consellería de Medio Rural axudas para afrontar os efectos dos asolagamentos na comarca da Limia.

Os temporais deste inverno, e a súa persistencia no que vai de primavera, con chuvias continuadas, produciron grandes perdas económicas na comarca da Limia, comarca eminentemente agraria. “A porcentaxe de perda de colleita é do 60% para os cereais de ciclo longo, con parcelas totalmente asolagadas producindo a morte da planta”, explican desde ADEGAL, Ademais, os cereais de ciclo curto e a pataca levan varias semanas de retraso na sementeira, “polo que por un lado non aguantarán as altas temperaturas do verán, e por outra banda non cumprirán o ciclo correctamente, o que implica perdas importantes no rendemento das colleitas que poden rondar o 40%, facéndose necesaria unha valoración futura”.

A Asociación tamén reflexa efectos nas infraestruturas da comarca, principalmente nos camiños da concentración parcelaria, que sufriron “graves danos”, así como nos canais e ríos, que arrastraron moitas partículas que dificultan o seu desauge, “ actuando a modo de embudo e desviando os caudais de auga ás beiras, asolagando as parcelas e os cultivos presentes nelas”.

Por estes motivos e ante a perda de rendemento “e mesmo a perda absoluta nun porcentaxe moi elevado nos cultivos de cereal de inverno” en moitos asociados, ADEGAL solicitou ante Medio Rural que responda con medidas económicas, tanto directas como fiscais como na Seguridade Social, para os produtores afectados polo temporal na Limia, ademais de proceder con algunha partida orzamentaria ao acondicionamento das infraestruturas en mal estado.

O colectivo pide á Consellería que envíe un técnico á Limia para que faga unha valoración da situación e emita un informe e que se lle dea traslado ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para que este apoie ao sector agrícola da Limia.