Trátase dunha cita organizada entre Expourense e A.C.A.U.T.O. que conta coa colaboración de Abanca.

Expourense acollerá por primeira vez un “Car Outlet”

Vén de ser asinado o convenio que posibilitará o primeiro evento “Car Outlet Ourense” entre o presidente da Asociación de Concesionarios de Automóviles da provincia (ACAUTO), Ramón Seijas Pérez, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. O acto estivo arroupado ademais polo vicepresidente da Asociación, Gerardo Aragonés e por José Manuel Nogueira Durán, coordinador de Negocio Institucional de Abanca, entidade que se suma como colaborador a esta iniciativa.

Un total de 24 marcas estarán representadas a través dos 15 concesionarios acollidos a ACAUTO que participarán como expositores no 1º Car Outlet que se celebrará entre os días 20 e 22 de maio en Expourense. Trátase dunha cita vencellada a un dos sectores comerciais de maior peso na nosa contorna, o da automoción, no que se reunirán máis de 300 coches con ofertas moi especiais.

Unha das principais novidades consiste en que o visitante poderá coñecer previamente a ficha técnica de cada vehículo exposto na feira a través da Fan Page oficial do evento https://www.facebook.com/CarOutletOurense. Esta ferramenta pretende aportar unha maior información e capacidade de análise ao potencial comprador sobre as distintas ofertas que atopará posteriormente no recinto feiral. O obxectivo é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.

Á hora de mercar un vehículo destas características, dende ACAUTO. recomendan acudir a profesionais, xa que estes ofrecen unas garantías inexistentes nas  transaccións entre particulares. A Lei esixe un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esa garantía ata dous anos, ou máis, no caso dos coches seminovos (de 0 a 3 anos). Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.

A oferta presentada neste salón será ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, de entre 1 e 6 anos, e perzos a partir de 3.500 euros, aínda que o “vehículo tipo” nesta cita será o do mercado de ocasión en España, isto é, un coche que ronda os 13.000 euros e que conta con ata cinco anos de antigüidade (segundo datos da Federación de Asociacións de Concesionarios, F.A.C.O.N.A.U.T.O.). Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón se converte nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo.

O horario de apertura do salón será venres de 11.00 a 20.30 h, sábado de 10.00 a 20.30 hr e domingo, de 11.00 a 20.00 horas.