Máis dunha ducia de postos de comida gourmet traerán a moda dos food truck á nosa cidade.

O Posío acollerá  esta fin de semana o I Food Truck Fest de Ourense

Do venres ás 13 horas ao domingo a medianoite, o Xardín do Posío converterase nun espazo gastronómico, coa celebración do I Food Truck Fest de Ourense. A moda destes postos de comida de rúa chega esta fin de semana á nosa cidade, da man das empresas Litoria Producciones e Comecamiños Foodtruck, e coa colaboración do Concello de Ourense.

A proposta de ocio combina gastronomía, música e actividades para nenos. Estarán presentes entre 12 e 16 furgonetas, caravanas ou autobuses de comida gourmet, que ofrecerán, entre outros produtos, hamburguesas de boi, comida mexicana, perripulpo e hamburguesas de polbo, carne á brasa, tostas, crepes, xeados ou sandwichs, “comida de calidade e ben presentada”, resaltaba Hugo Castro, de Comecamiños.

Tanto sábado 14 como domingo 15 de maio haberá sesión vermú, e o sábado á noite unha actuación musical, á que pode sumarse outra o domingo á noite se o tempo acompaña. Os rapaces terán hinchables –de acceso gratuíto  en caso de consumo nalgún dos food trucks-. “Entendemos que ten que ser un exitazo”, sinalaba Castro.

O alcalde de Ourense resaltaba que iniciativas coma esta serven para “dinamizar a vida social dos veciños” e son un atractivo máis para achegarse a Ourense esta próxima fin de semana, na que se prevé moita actividade: o concerto de Love of Lesbian o sábado e as festas do Couto, por exemplo.