Xa son 7 os concellos ourensáns que aprobaron en pleno municipal a súa oposición a estes tratados.

A provincia de Ourense sitúase entre as catro españolas con maior número de concellos opostos ao TTIP, o CETA e os tratados de libre comercio, xunto a Barcelona, Valencia e Madrid.

Xa son 7 os concellos ourensáns que aprobaron en pleno municipal a súa oposición a estes tratados, cifra só superada nas provincias de Barcelona (con 33 declaracións municipais), Valencia (15) e Madrid (9).

As mocións presentadas por diferentes formacións políticas ou iniciativas cidadáns prosperaron no Barco de Valdeorras, Ribadavia, Barbadás, Baños de Molgas, Entrimo, Allariz e Manzaneda. Mocións similares foron rexeitadas nos plenos do Carballiño, Taboadela, Monterrei, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio ou na propia Ourense capital. En próximas datas espérase sexan presentadas iniciativas similares noutros concellos da provincia.

Segundo a Plataforma Cidadá de Ourense “Non ao TTIP”, estes datos demostran que “a medida que se vai coñecendo máis información sobre estes tratados, a preocupación por parte da cidadanía vai sendo crecente, en especial na nosa provincia, pola grave deterioración que suporían para a agricultura, a gandería, o sector alimentario e, de maneira xeral, para todo o tecido de pequenas e medianas empresas, que son a base da nosa economía e o noso medio de vida”.

Desde a Plataforma anuncian novas accións informativas, destacando a visita a Ourense da eurodeputada Lida Senra, para participar na charla “TTIP-CETA: O espolio do rural Galego”, que terá lugar o vindeiro xoves 19, ás 20 horas, no Ateneo de Ourense. E o martes 24, tamén no Ateneo, realizarase a segunda sesión do ciclo de vídeo-fórums que a plataforma organiza sobre esta temática.