O vindeiro curso quedan sen praza na gardería pública 25 cativos.

Barbadás axudará ás familias que non obtiveron praza na escola infantil municipal

O Concello de Barbadás aprobou unha ordenanza de “Axudas para a Escolarización” de nenos e nenas nas escolas infantís privadas de Barbadás para este ano 2016 e que non obteñen praza na escola pública municipal.

Desde a concellería de Servizos Sociais queren salientar a importancia de escolarizar aos nenos e nenas a idades temperás e da necesidade de conciliar a vida laboral e familiar daquelas familias nas que traballan os dous cónxuxes ou son monoparentais.

Este luns, o concelleiro de Servizos Sociais, Sarín Núñez, mantivo unha reunión informativa coas familias que non obtiveron praza para os seus cativos na Escola Infantil Municipal de Barbadás para o próximo curso 2016-17 e que poden acceder a esta liña de axudas.

“Este ano o número de solicitudes que non podemos acoller nas nosas instalacións é de 25, unha cuestión que nos preocupa e que non é novidosa, xa que ano tras ano se repite esta problemática”, comentaba Sarín Núñez.

Para solventar esta problemática e mentras non se concreten novas instalación públicas que solventen definitivamente este déficit de infraestructuras, o Concello de Barbadás aprobou recentemente unha Bolsa de Axudas coa fin de colaborar no desembolso económico que suporá ás familias a escolarización dos menores no primeiro ciclo da educación infantil.

As axudas ás que teñen acceso os e as interesados oscilan entre os 30 e os 100 euros ao mes, e dependerán das rendas familiares e dos servizos que soliciten nalgunha das dúas escolas infantis privadas do concello de Barbadás (E. Infantil Hadas e Duendes e  E. Infantil Os Ananiños).