A conselleira Ángeles Vázquez supervisou en Toén estes traballos de control, considerados a única medida eficaz para facer fronte a esta ameaza

Unha solta experimental de parasitos loitará contra a avespiña do castiñeiro

A Consellería do Medio Rural está a intensificar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro a través da solta experimental de parasitos deste insecto, que afecta os cultivos e provoca perdas na produción de castañas. A titular deste departamento, Ángeles Vázquez, supervisou en Toén  estes traballos de control, que están considerados como a única medida eficaz para facer fronte a esta ameaza.

As actuacións consisten na solta controlada e experimental de exemplares de Torimus sinensis, o único parasitoide (organismo que parasita a outros, impedíndolles que cheguen á fase de multiplicación) coñecido da avespiña. Esta iniciativa foi autorizada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), a petición da Xunta. Faise de xeito experimental para avaliar a súa eficacia antes de proceder a unha liberación masiva de parasitos, que tamén deberá ser autorizada polos responsables de Sanidade Vexetal do Ministerio.

Na última semana técnicos de Medio Rural fixeron efectiva a solta de case 450 viais deste parasito. Cada un deles leva como mínimo 20 femias e 12 machos. Os puntos de solta coinciden cos sectores nos que está permitida esta actividade e abarcan diversos concellos das provincias de Lugo e Ourense. Nesta última é na que se está a dar unha maior incidencia da avespiña e por iso é na que se está a reforzar a loita biolóxica.

Previamente a cada solta percórrense as áreas de distribución do parasito para coñecer o estado vexetativo dos castiñeiros, xa que a liberación debe realizarse nunhas condicións determinadas e durante un período concreto de tempo.

Galicia é a principal comunidade autónoma de España en produción e exportación de castañas. Na última campaña superáronse os 20 millóns de quilogramos, que se traducen nun valor estimado xerado que supera os 100 millóns de euros.