Augas de Galicia investiu máis de 630.000 euros nesta actuación.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, entregou ao Concello de Verín as obras de mellora da rede de saneamento da localidade, nas que o Goberno galego investiu máis de 630.000 euros.

Grazas a este iniciativa, acometeuse un colector independente para as augas residuais do polígono de Pazos; un tanque de tormentas antes da EDAR; varios aliviadoiros;  e a mellora de dous bombeos (o do polígono de Pazos e o de Queizás); así como a reposición dun tramo de rede de saneamento e abastecemento neste último núcleo.

Deste xeito, resolveuse unha parte importante dos problemas que presenta a rede de saneamento, que é practicamente unitaria na súa totalidade e que, debido á pouca pendente que tiñan os colectores e ramais e a súa disposición a través do núcleo, presentaba un mal funcionamento. En concreto, esta problemática derivábase de que en época e choivas producíanse alivios e desbordamentos da rede, tanto polos pozos de rexistro, sumidoiros e mesmo nas acometidas en sotos de vivendas.

Estímase que estes traballos poderían chegar a beneficiar a unha poboación equivalente superior aos 18.000 habitantes.