O presidente provincial explica que “se os votantes confiaron nos nosos candidatos é a nosa obriga e devolverlles esa confianza presentando ás mesmas persoas”.

Viso e Barreira encabezan  de novo as listas do PP de Ourense para o 26J

Miguel Ángel Viso e Miri Barreira encabezarán de novo as listas de candidatos do Partido Popular de Ourense para o Congreso e o Senado nas eleccións xerais do 26 de xuño. A formación popular ourensá ven de presentar na Xunta Electoral Provincial as súas listas, converténdose no primeiro partido da provincia en facer oficial a relación das persoas que aspirarán a representar á provincia de Ourense na vindeira lexislatura.

Polo que respecta ao Congreso, Miguel Ángel Viso estará acompañado de novo por Celso Delgado, Ana Belén Vázquez e Belén Gómez. Os suplentes serán Mónica Mourelo, Manuel Prado, María Antonia Rilo, Joaquín Bautista Prieto e José Ángel Sampayo.

No tocante ao Senado, Miri Barreira encabeza unha lista na que lle acompañan Carmen Leyte e Francisco José Fernández. Como suplementes figuran Avelino García Ferradal (en substitución de Miguel Santalices) e María González Rivero para o primeiro posto; o segundo terá como suplencias a Carlos Gómez Salgado (substituíndo a Manuel López Casas) e Pilar Caride; e para o terceiro repiten Rogelio Martínez González e Yolanda Barrio García.

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, subliñou o feito de que os populares ourensáns sigan a traballar na mesma liña que lles levou a se converter na segunda provincia en apoio porcentual ao PP de España, co 45 % dos votos, máis do dobre que, por exemplo, logrou a lista do candidato socialista Pedro Sánchez en Madrid en decembro. “Os votantes confiaron nos nosos candidatos é a nosa obriga e devolverlles esa confianza presentando as mesmas persoas, apostando por unha estratexia baseada, como xa dixemos nos comicios de decembro, na mestura da renovación, a experiencia e o traballo a prol da provincia, non facendo listas nin políticas para ir contra ninguén”.