Ambas as actividades, realizadas por maiores para escolares, son parte do proxecto «O valor da experiencia» que ten, entre outros obxectivos, crear espazos de encontro entre distintas xeracións.

A Sede Afundación de Ourense (praza Maior, 4) acollerá este martes dúas actividades interxeracionais dirixidas a escolares e enmarcadas na programación deseñada pola entidade con motivo do Día das Letras Galegas, que se estende durante todo o mes de maio. Nesta ocasión, alumnos de sexto de primaria do Colexio Padre Feijoo Zorelle, comezarán ás 10 horas a actividade «Ilustrando poemas a Manuel María», na que serán protagonistas algunhas das súas poesías máis coñecidas. Ao máis puro estilo dos grandes ilustradores contemporáneos, os escolares darán fondo e figura ao legado poético de Manuel María. Para poder facer este labor, terán que ler, coñecer e profundar no imaxinario do homenaxeado.

Tras este traballo previo de investigación e deseño por parte dos escolares, ás 11.30 horas os integrantes do grupo de teatro do Centro de Maiores de Afundación en Ourense incorporaranse ao obradoiro para compartir coas alumnas a representación, en forma de teatro lido, da obra de Manuel María, A Berenguela.

A actividade enmárcase no proxecto da Área de Envellecemento Activo «O valor da experiencia», co que Afundación pretende ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional en beneficio da comunidade. Así, nesta ocasión, creouse un espazo de encontro entre maiores e nenos ao redor da figura de Manuel María, a súa obra e a tradición musical galega.