Os praceiros emprazaranse no paseo central da Alameda, durante a execución das obras de reforma do mercado municipal, que durará 22 meses.

Aprobado o proxecto do traslado provisional da Praza de Abastos

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, en sesión extraordinaria e urxente, aprobou este  luns o proxecto básico e de execución para o traslado provisional da Praza de Abastos nº1.

Os praceiros emprazaranse no paseo central da Alameda, cun proxecto redactado polos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez Iglesias, cun orzamento de execución material de 504.200,97 euros. Este proxecto conta con todos os informes técnicos, xurídicos e de seguridade pertinentes.

Trátase dun edificio provisional, facilmente desmontable e reversible, para o traslado provisional dos postos de venda da Praza de Abastos número 1 durante a execución das obras de reforma do mercado municipal, que durará 22 meses.

Será un pavillón de estrutura lixeira metálica, formado por pórticos de piares metálicos e dintel de celosía con perfís metálicos. A cuberta é curva con augas cara ambos lados da nave, con cubrición de paneis de chapa lacada.

Haberá postos de venda nos laterais e centro da nave, con dous corredores de servizo para que o público acceda aos distintos postos. Na entrada desde a rúa Progreso, nun espazo interior cuberto emprazaranse os postos de flores e na parte oeste os locais de servizos, vestiarios e aseos, entre outras dependencias necesarias para o funcionamento da Praza.

Serán en total 1.402,28 metros cadrados de superficie construída e 1.221,92 de superficie útil. O prazo para a súa montaxe e instalación será de 6 meses (4 meses con mellora).