Terá lugar en setembro e nel debaterase sobre as ameazas e a liberdade de expresión na literatura.

Ourense acollerá o congreso mundial de escritores

O congreso de escritores do PEN Internacional, que se celebrará en Ourense entre o 26 de setembro e o 2 de outubro, “converterá á capital ourensá no centro mundial da literatura, nun evento que tenderá pontes literarios, culturais e solidarios”, así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen recibiu no seu despacho do Pazo Provincial á presidenta do PEN Internacional, a escritora mexicana Jennifer Clement.

O congreso, que reunirá a máis de 250 escritores de 70 países, debaterá en Ourense sobre as ameazas e a liberdade de expresión e a solidariedade na literatura, “ademais de analizar os temas de actualidade que afectan á muller na literatura e aos escritores que no mundo son perseguidos, encarcelados ou mesmo asasinados por expresar as súas ideas a través da escrita”, explicou Carles Torner, director executivo do PEN Internacional.

No congreso, o Comité de traballo de Escritores Encarcelados analizará a situación actual dos autores que tiveron que exiliarse de países como Siria, Iraq ou Bangladesh. “Temos unha lista de máis 900 casos de escritores no mundo que están encarcelados ou baixo ameaza, nalgúns casos pendentes de xuízo, en países como México e Honduras, e fronte a iso faremos unha campaña permanente”, afirmou Carles Torner.

Tamén, o Comité de Traduccións e Dereitos Lingúísticos abordará a situación da literatura africana, e o Comité de Mulleres Escritoras, a situación da muller no ámbito literario, mentres que o Comité pola Paz tratará o conflito entre turcos e kurdos, e ucraínos e rusos, “tendendo pontes literarias entre os escritores destas rexións”, explicou Torner.

Xabier Paz, do PEN Galicia, avanzou que durante a celebración do congreso “haberá veladas literarias en diferentes locais da cidade de Ourense, onde os asistentes poderán interactuar cos escritores”, e dixo que entre os autores invitados “estará a escritora arxentina Claudia Piñeiro, unha das voces máis importantes de Iberoamérica, e a autora brasileira con raíces galegas Nélida Piñón, membro da Academia Brasileira das Letras”.