Terán lugar no Liceo de Ourense os días 25 e 26 de maio coa participación de 130 rapaces e rapazas de oito centros escolares da provincia.

Concello e Deputación fomentan o pensamento crítico e reflexivo coas “Tertulias literarias en galego”

130 rapaces de oito centros escolares da provincia participarán, os días 25 e 26 de maio, nos faladoiros literarios organizados conxuntamente polo Concello de Ourense e pola Deputación Provincial co obxectivo de “fomentar a comprensión lectora, a expresión e a alocución verbal, e o pensamento crítico e reflexivo”, en palabras da concelleira de Educación, Belén Iglesias. A través da lectura de «O derradeiro libro de Emma Olsen» (Galaxia), da autora Berta Dávila -escollido por un comité de 14 profesores-, os alumnos irán pasando polo Liceo de Ourense creando grupos de debate e de discusión.

Manuel Doval, deputado provincial de Cultura, salientou na presentación desta actividade a importancia de que “os cidadáns do futuro adquiran un pensamento crítico e se convirtan en mellores persoas”, así como inculcarlles a “que os libros formen parte sempre da súa vida”. Así, na xornada deste mércores participarán alumnos dos IES Ferro Couselo, O Couto, Xulio Prieto Nespereira e Lagoa de Antela. O xoves, pola súa banda, será a quenda do alumnado dos IES O Ribeiro, San Mamede, Allariz e Cidade de Antioquía.

Os faladoiros, que se celebrarán no Liceo de Ourense a partir das 16:30 horas, contarán o xoves cunha convidada especial: a autora do libro, Berta Dávila, quen participará canda os alumnos nesta actividade.