Democracia Ourensana fai balance cando se cumpre un ano das eleccións municipais de maio de 2015.

Jácome di de Jesús Vázquez que é “un alcalde virtual”

O líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, compareceu ante os medios este martes, acompañado dos edís Armando Ojea e Domingo Castro, e do candidato á Xunta Miguel Caride, ao cumprirse un ano desde as eleccións municipais.

Dunha banda, Jácome considera un “hito” para a historia de Ourense a representación acadada por Democracia Ourensana, oito concelleiros, a maior dun partido independente nunha capital de provincia en España.

Doutra banda, valorou o primeiro ano de Jesús Vázquez á fronte do consistorio ourensán, que definiu como “el primer mandato virtual, el alcalde solo ha gobernado en redes sociales”. O líder de DO afirmou que o rexedor popular non fixo nada nestes 12 meses, pondo de exemplo de temas pendentes a situación dos colectores soterrados, a Praza de Abastos da Ponte, as escaleiras mecánicas ao barrio da Cruz Alta, a ordenanza de veladores,  a Banda de Música, os orzamentos, a RPT, ou o PXOM. E ademais, “lo más sangrante, lo del AVE: no consiguió nada pero nos quitó lo que había, la estación de Foster”, valorou.

Gonzalo Pérez Jácome agarda que se poida producir un cambio no sillón da alcaldía de Ourense “antes o inmediatamente después de las elecciones a la Xunta”, para as que augura que o seu partido sacará dous deputados e será chave. Para tal fin, anunciou que van manter conversas “supramunicipales” co PSOE para concretar unha moción de censura; visto que “Barquero no mira por el interés de la ciudad, la orden tiene que venir de arriba”, detallou.

Resposta do alcalde

Jesús Vázquez non tardou en respostar a estas declaracións de Pérez Jácome, a quen lle “agradeceu” que dese roldas de prensa “porque me permite seguir expoñendo todo o que se leva feito”. E enumerou: os acordos para construir un centro interxeracional e outro para persoas con discapacidade, o arranxo da ponte Vella e da do Milenio, a ampliación da Escola Oficial de idiomas, o investimentos para facer un novo albergue, as remodelacións no colexio de Mende e na Universidade Laboral, o arranxo do anexo dos Remedios, e as aperturas de La Molinera e o Espazo Lusquiños. “Desatascamos o tema da Biblioteca e do Arquivo, desatascamos a Circunvalación Norte, desatascamos o transporte metropolitano”,  proseguiu o político popular. “Eso é xestión e un traballo diario de despacho”, valorou, engadindo que “nos vindeiros meses seguiremos dando sorpresas boas”.

Vázquez Abad enmarcou esta valoración de Democracia Ourensana nun “intento de boicot a este goberno” por parte da oposición, “que está intentando pecharlle as portas a esta cidade”.