A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez , estivo en Ourense polo “Día do sector lácteo” dentro da campaña “Quere o teu mercado”.

A Praza de Abastos promociona o leite galego

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia da promoción e posta en valor do leite galego como fórmula para impulsar o seu consumo e beneficiar a este sector, estratéxico dentro da economía da comunidade.

A conselleira estivo en Ourense con motivo da celebración do “Día do sector lácteo” dentro da campaña “Quere o teu mercado” na Praza de Abastos nº 1. Estivo acompañada polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Neste acto, a conselleira salientou de maneira especial o papel relevante do selo de calidade diferenciada Galega 100%, polo que representa de referente de excelencia e de identificación do produto co territorio.

Ángeles Vázquez incidiu tamén en que os mercados de proximidade –como este de abastos de Ourense– favorecen as canles curtas de comercialización e dan saída aos produtos do agro, xerando unha conexión directa entre produtores e consumidores.

A xornada de Defensa do Sector Lácteo incluiu  a lectura dun manifesto de apoio ás explotacións leiteiras galegas, lido polo presidente dos comerciantes Emilio González. Coas súas palabras resaltou “la ineludible necesidad de apoyar a los ganaderos y ganaderas de Galicia para sacar a flote a un sector que, como el del “rianxo”, se convierte en alimento de calidad diferenciador en nuestra tierra y de las dietas atlánticas y saludables”. Ademais, demandou o esforzo dos axentes implicados para garantir a recollida do leite con prezos cubran os custos de produción, accións dinamizadoras que axuden ao consumidor a identificar o leite como un produto 100% galego, o esforzo dos comerciantes pola non banalización do produto e un compromiso efectivo da Administración autonómcia e das forzas políticas na consecución destes obxectivos.