Os cursos están dirixidos a menores de 7 a 12 anos e mozos entre 15 e 35 anos.

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, dentro dos seus obxectivos de fomentar a formación da mocidade, pon en marcha tres obradoiros de cociña saudable dirixidos a mozos e mozas de 15 e 35 anos e un destinado a cativos de 7 a 12 anos. O obxectivo é fomentar entre a sociedade unha alimentación saudable xa dende os máis pequenos, con obradoiros e charlas que axuden a conseguir este fin é unha das prioridades desta área.

As temáticas dos cursos para a mocidade son «Cociña para os teus colegas, pica pica saudable, hamburguesas gourmet», «Iniciación á cociña macrobiótica» e «Postres saudables de verán: xeados caseiros supernutritivos», mentres que o curso «Superminichef» vai destinado aos máis cativos. Todos eles son de balde e terán lugar en diversas datas de xuño e xullo.

As actividades realizaranse na Aula Municipal de Cociña do Centro de Promoción da Saúde, en r/ Vasco da Ponte, nº1. As Lagoas. O prazo de inscrición abrirase este xoves 26 de maio e admisión será por orde de entrada das solicitudes na Concellería de Xuventude ou vía e-mail [xuventude@ourense.es]. Terán prioridade os empadroados no Concello de Ourense.