O Concello de Ourense acordara permitir que os enfermos de Crohn e colite ulcerosa da cidade poidan estacionar libremente en zonas de carga e descarga.

O Concello de Ourense permitirá que os enfermos de Crohn e colite ulcerosa da cidade poidan estacionar libremente en zonas de carga e descarga. Este foi o compromiso asumido polo equipo de goberno feito público o pasado 21 de maio. Segundo o comunicado do Concello, os 600 afectados por esta enfermidade en Ourense poderán solicitar unha tarxeta de aparcamento especial, tal e como acordou o alcalde, Jesús Vázquez, co presidente da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense, Fernando José Jiménez Zulliani.

Dende o grupo de Ourense en Común presentaban no día de onte unha queixa formal por escrito no rexistro municipal e acceso ao convenio subscrito con esta entidade ao entender que o procedemento proposto pola alcaldía non é correcto: “segundo o publicado nos medios de comunicación, os enfermos que soliciten esta tarxeta deberán facelo a través dunha asociación, ente que certificará a necesidade do permiso ao solicitante. Este proceder é cando menos cuestionable pois quen debería certificar tal enfermidade sería a propia administración pública de saúde e non unha asociación.” O voceiro e concelleiro desta organización, Martiño Xosé Vázquez, preguntábase asemade “dende cando o requisito para acceder a un servizo público debe ser estar afiliado a unha asociación concreta? Que clase de interese existe en que sexa esta a que xestione o procedemento e non a propia administración?»

O Concello de Ourense será o primeiro de España en regular este aparcamento especial mediante un decreto, procedemento tamén cuestionado pola organización municipalista que censura “a falta dun proxecto integral en materia de mobilidade do Partido Popular”. Afirma así pois que “tomar esta decisión por decreto de alcaldía de costas á Mesa de Mobilidade Municipal, sen convocatoria oficial dende fai máis de dous meses, amosa a falta de respecto ás organizacións e colectivos alí representados que poderían axudar a mellorar a proposta permitindo por exemplo estacionar durante un tempo limitado en estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida ou inserir na medida a outros colectivos con problemas semellantes.”

Ourense en Común volverá instar ao equipo de goberno a convocar este foro, render contas da proposta e de ser o caso, asumir as indicacións que os colectivos alí representados teñan a ben realizar. “Escoitar e canalizar as propostas veciñais é o seu labor e nisto fundaméntase a participación cidadá da que o rexedor gábase nos medios de comunicación pero vanse cumprir dous meses da última reunión e non temos información de que teña previsto convocar nas próximas datas”.