A misión comercial de EEUU celebrarase os días 16 e 17 de xuño.

15 empresas norteamericanas buscarán oportunidades de negocio en Ourense

Desvélanse os detalles da primeira misión comercial, promovida pola Deputación de Ourense, que traerá empresas norteamericanas á provincia en busca de oportunidades de negocio e investimento, os próximos 16 e 17 de xuño.

Os datos déronse a coñecer nunha rolda de prensa na que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde, o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canle, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Ourense, Antonio Villaverde. Previamente mantiveran unha reunión preparatoria cunhas 40 empresas ourensás interesadas en participar na misión.

Está confirmada a presenza en Ourense os días 16 e 17 de xuño de 15 empresas de Estados Unidos, de sectores como a tecnoloxía, a agroindustria, o turismo termal, a innovación e a investigación e desenvolvemento. Aínda que Verde, quen foi subsecretario de Comercio da Administración Obama para Europa durante tres anos, recoñeceu as dificultades para convencer ás compañías norteamericanas de vir aquí 2porque no lo conocen», sinalou que para algunhas empresas de Estados Unidos «sí hay oportunidades en un lugar como Ourense». Aquí buscarán «nichos de mercado, sinergias y oportunidades», recalcou.

Participan como socios nesta misión a Cámara de Comercio de Atlanta, a segunda máis importante de EEUU en número de socios, a Cámara de Comercio España-EEUU e o Consello Americano de Desenvolvemento Sustentable. Será unha congresista norteamericana, a californiana Loretta Sanchez, quen lidere a misión.

Plan de traballo
As empresas estadounidenses chegarán a Ourense o 15 de xuño, para unha cea-recepción, pero será o día 16 cando comecen as reunións de traballo. Primeiros sesións informativas sobre oportunidades e vantaxes do mercado ourensán, e despois, o venres 17 e o sábado 18, reunións individuais con empresas locais e visita ás súas instalacións.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, ve nesta misión comercial a posibilidade de «generar oportunidades y riqueza y situar la marca Ourense» e presaxiou que será «un éxito» dado o traballo que hai detrás. Nesa mesma liña, o presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde, cre que é «garantía de que van a venir empresas a analizar la oportunidad de asentarse o invertir aquí; ojalá algunas se queden, yo confío en que eso va a ocurrir».