O II Foro de Pediatría contará coa participación do investigador do Instituto de Investigación Biomédica, Roman Kireev e da pediatra do CHUO, Susana Rey.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acolle este martes o II Foro de Pediatría, que abordará as vantaxes do uso terapeútico da Melatonina, sustancia natural producida polo organismo, que intervén no ciclo de sono-vixilia e posúe unha moderada actividade hipnótica, polo que pode ser de utilidade para os nenos en diferentes situacións clínicas, sempre baixo supervisión pediátrica.

A utilidade terapéutica da melatonina en adultos é unha realidade crecente nos últimos anos, que comezou en Estados Unidos e se está estendendo tamén en Europa, como axente cronobiolóxico eficaz fronte ao insomnio, como protector óseo, para a regulación da inmunidade, a tensión arterial, etcétera.

Asemade, o seu uso terapéutico en nenos está consensuado polas principais sociedades médicas nacionais, implicadas no manexo das alteracións do sono infantil, (Asociación Española de Pediatría (AEP), do Sono (SES), de Pediatría extrahospitalaria e Atención Primaria (SEPEAP), Psiquiatría e Neuroloxía infantil, etc.) coincidindo en que súa aplicación podería ter tamén un efecto beneficioso na regulación do sono dos cativos.

Regular o reloxo biolóxico do sono
As dificultades para durmir, nos nenos e adolescentes, son moi frecuentes no noso medio. O tratamento baséase principalmente en terapias cognitivo-conductuais e modificación de hábitos. Con todo, o uso de medicamentos e substancias para facilitar o soño é elevado, polo que a información e consenso médico no uso e seguimento da melatonina é un tema de plena actualidade no sector.

A melatonina, é unha sustancia producida, principalmente, pola glándula pineal durante a noite. A súa secreción nocturna é consecuencia da actividade do reloxo biolóxico, que regula o ciclo de sono-vixilia, no que intervén a luz como elemento de síntese. Así, a luz convertese en inhibidor natural da melatonina e a súa ausencia como potenciador desta e do propio sono.

Asemade, este neurotransmisor natural, posúe moderada actividade hipnótica, polo que pode ser de utilidade para unha sedación superficial, en determinados procesos e procedementos asistenciais.

Para a abordaxe dos seus mecanismos fisiolóxicos, de acción e aplicación da mMelatonina, o foro contará coa presenza do investigador Roman Kireev, biólogo especializado en bioquímica que desenvolve súa actividade no Instituto de Investigación Biomédica de Ourense, Pontevedra e Vigo (IBI), onde traballa no estudio do papel de determinadas sustancias nos problemas cardiovasculares e no proceso de envellecemento, ademais de nas reaccións, a nivel celular, ante determinados tratamentos.

Pola súa parte, Susana Rey, do Servizo de Pediatría, analizará ás actuais aplicacións prácticas da melatonina no paciente pediátrico. O foro, presentado pola xefa do servizo de pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Nieves Balado, está aberto a tódolos pediatras e médicos, que desexen afondar nas aplicacións deste neurotransmisor natural.