Estes espazos non levan consigo aproveitamento comercial nin ningún prezo público polo seu uso, senón que son froito da negociación do Concello con veciños que os ceden en beneficio de todos.

Verín inaugura a súa primeira zona de aparcadoiro libre

O grupo de goberno do Concello de Verín acaba de pór en funcionamento a primeira “Zona de Aparcadoiro Libre” das oito previstas para descolapsar o estacionamento das rúas da nosa vila, concretamente entre as rúas Juan Guerra Valdés e a Canella Cega, que pasará a denominarse “Zona de Aparcadoiro Libre núm. 1”. Estas zonas alternativas e disuasorias están pensadas para alixeirar a presión do tránsito viario no centro de Verín, así como para facilitar o acceso dos cidadáns ós servizos públicos e ó comercio local.

Según sinalou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, estes aparcadoiros están deseñadas para que, cando estean todos operativas, a vila conte cun milleiro de novas prazas de aparcadoiro libres, gratuítas e céntricas.

Pola súa parte, Diego lourenzo, tenente de alcalde verinés, quixo destacar que “estes espazos non son parkings, e non levan consigo o aproveitamento comercial nin ningún prezo público polo seu uso, senón que son froito da negociación do Concello con veciños que os ceden en beneficio de todos. Polo tanto, o seu mantemento e uso adecuados tamén son responsabilidade de todos.”

Esta medida, proxectada como un dos principais eixos de modernización do segundo núcleo urbano da provincia de Ourense, é sinalada polo rexedor, Gerardo Seoane, como “un dos vectores de transformación da vila, porque permitirá retirar parte do tráfico rodado das nosas rúas, sen por iso impedir o acercamento de veciños e visitantes ó noso núcleo, antes ben, facilitándoo con comodidade”.