Destaca a obra teatral “O principio de Arquímedes” (o 11 de xuño) e a Noite Máxica Celta (o 23 de xuño).

O Concello de Verín presenta a súa axenda cultural de xuño

Este mércores presentouse na casa consistorial verinesa a programación que a área de Cultura do Concello de Verín preparou para o mes de xuño. A concelleira de Cultura , Emilia Somoza, e o Tenente de Alcalde, Diego Lourenzo,  foron os encargados de esbozar as liñas xerais do groso da devandita programación, na que destacan a obra de teatro “O principio de Arquímedes” (que terá lugar o 11 de xuño no Auditorio Municipal), a actuación de Os Bolechas (o día 18 tamén no  Auditorio), e a Noite Máxica Celta (que se desenvolverá na Praza Maior a noite do 23 de xuño).

Así mesmo, neste mes Verín acolle contacontos, concertos, presentacións literarias, cine e ata un planetario.

“Se hai algo que tiñamos claro cando entramos neste goberno era a necesidade de dotar a Verín dun contido cultural  que teña unha continuidade no tempo, de calidade e para todas as idades. Creemos que esta programación de xuño representa a liña maestra que se seguirá nos vindeiros meses.”  puntualizou o tenente de alcalde verinés, Diego Lourenzo.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, quixo destacar que “con esta programación búscase tamén poñer a pleno rendemento todos os espazos culturais dos que dispón o Concello coa finalidade de dotar á vila dunha estrutura cultural sólida  que permita soster unha programación estable, permanente e para todos os públicos.”

 

Citas para esta fin de semana

As primeiras citas serán esta próxima fin de semana. O venres 3 de xuño, de 18 a 19:30 horas, a Biblioteca Municipal acolle contacontos e manualidasdes, para os socios da instalacións con idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos.

Xa o sábado 4 a música será a protagonista. Ás 17 horas haberá un concerto solidario  (con entrada a prezo dun euro) en beneficio de Cáritas na Igrexa parroquial de Santa María. E ás 20:30, na Igrexa da Mercé, o cuarteto feminino de voces e arpas Lulavai presentan o seu segundo traballo discográfico “Lémbrame un soño”.