Terá lugar no Bulevar Termal das Burgas o vindeiro 1 de xullo.

O Bulevar Termal das Burgas acollerá o vindeiro venres 1 de xullo, no marco das Festas de Ourense, a segunda edición do Enofestival. Un concerto con tres grupos de pop-rock maridado cos viños das catro D.O. da provincia de Ourense grazas á colaboración conxunta da Concellería de Cultura, as adegas participantes, patrocinadores privados e a organización do evento. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, avogou neste sentido por “beber con moderación para gozar no padal do bo viño que temos en Ourense, xa que os excesos maridan mal coa música”.

A música virá da man dos grupos Best Boy (Tui), Best Life Underyourseat (Ourense) e The Phantom Keys (Ourense-O Grove), desde as 20:30 horas e por esta orde, se ben as portas do recinto abriranse media hora antes para presentar a oferta gastronómica do evento. Unha enobarra servirá viños das adegas Cunqueiro, Alberte e Casal de Armán (DO Ribeiro), Gargalo (DO Monterrei), A Coroa (DO Valdeorras), e Alodio (DO Ribeira Sacra), mentres que na zona gastronómica poderanse degustar tapas elaboradas con produtos locais para repor enerxías entre concerto e concerto.

As entradas para o evento teñen un custo de 5 euros (anticipada) e de 7 euros na billeteira, o propio día do concerto. Até o xoves 30 de xuño, poderán mercarse en Peggy Records (Samuel Eiján, 9) e no Trampitán (Praza Maior). A venda online está dispoñible a través do portal Ticketea.com. A entrada dá dereito a unha copa (para a cata de viños) e a un viño de cortesía, cos que serán obsequiados os asistentes no momento de acceder ao recinto. En diante, os viños das distintas enobarras terán un prezo que variará en función de cada adega participante.

Sesión Vermú para a fin de semana

Rubén Amorín, organizador do evento, presentou tamén na rolda de prensa a sesión vermú para a fin de semana. En horario de 12:00 a 16:00 horas, con actuacións infantís e de bandas musicais, quérese recuperar “a filosofía da tradición de xuntarse as fines de semana en familia a charlar e tomar un vermú”.