Achegámonos á Asociación Vía Vella de Ponte Canedo, que conta cun amplo calendario de actividades para todos os gustos.

“A asociación busca a difusión do patrimonio histórico, cultural e empresarial da Ponte”

Por Silvia Nieto. Pouco máis dun ano leva a Asociación Vía Vella de Ponte Canedo en funcionamento, pero dende o minuto un non parou de preparar iniciativas coas que unir aos veciños do barrio, e faino da mellor forma, a partir das propostas e inquedanzas que os propios pontinos lle achegan aos membros da súa directiva.

Aberto, postivo e integrador, así é este colectivo, que se enorgullece do barrio no que naceu e que busca que o futuro se escriba sen deixar de mirar ao pasado. Coñecemos máis da man do seu presidente, Xosé Rodríguez, e o seu tesoreiro, Freixo.

Como nace a Asociación Vía Vella de Ponte Canedo?

Xosé Rodríguez: “Nós tiñamos experiencia previa na Asociación de Nais e Pais do colexio da Ponte, e áa relación persoal pensamos en darlle un carácter máis formal, porque tiñamos inquedanzas comúns sobre a idiosincracia do barrio. Porque este barrio é singular, cunha personalidade moi forte, foi concello ata mediados do século pasado e tiñamos a necesidade de apuntalar a oferta que xa había”.

Con que obxectivo comeza?

X.R.: “A nosa finalide é contribuir á difusión do patrimonio histórico, cultural e empresarial da Ponte, recuperar a memoria e mantela para que a xente que vimos de fóra nos ‘pontinicemos’ e que ese carácter pontino non se diluia. E iso facémolo con actividades, para que A Ponte teña unha axenda propia, porque iso é facer a memoria do mañá, e tamén queremos a medio prazo facer algo de carácter social, histórico e etnográfico, pero iso aínda está en proxecto. A nosa idea é, sen competir, só colaborando, que a xente de Ourense veña á Ponte igual que nós imos a Ourense, que coñezan os nosos negocios, as nosas activiades, etc. Nós somos da Ponte para o mundo, non temos ningunha limitación, reivindicamos a nosa condición de pontinos, pero non temos fronteiras”.

En que momento iniciou oficialmente a actividade?

X.R.: “Comezamos publicamente a principios de 2015”.

Quen integra esta asociación?

Freixo: “Temos unha directiva composta por catro persoas, tamén temos socios de honra, Lalo e Óscar, e temos socios de número, dos cales os cativos non pagan nada e os adultos pagan algo simbólico. Hoxe temos aproximadamente uns 150 socios, que para o primeiro ano está moi ben. Pero o mellor é que a maioría son socios activos, que propoñen cousas, e moita xente vén con ideas e actividades xa moi ben estruturadas e case preparadas. De feito, neste momento temos numerosas actividades pendentes de facer”.

X.R.: “Esa é a nosa base, a horizontalidade, que unha persoa está na casa pensando en que lle gustaría que no barrio se faga unha actividade, pero en solitario non é capaz de levala adiante, por iso vén a asociación e nós proporcionámoslle o apoio loxístico, xurídico e a axuda que precise. E estas propostas contribúen a que as actividades sexan moi diversas, para todo tipo de gustos, de xente de todas as condicións económicas, de idades… Ese é o noso principal fin, que haxa unha mestura dos veciños, todos aprendemos de todos”.

Podedes contarnos algunhas das actividades realizadas?

F.: “A primeira que fixemos foi un paseo para beira do ferrocarril, o que se chama vía vella, foi simbólico e moi especial. Xuntamos 60 ou 70 persoas de todas as idades”.

X.R.: “Pódese diciri que temos unhas actividades que son cíclicas e outras que van xurdindo. Unha das máis queridas por nós é unha viaxe ás illas, que se realiza en xuño, e que xa organizabamos antes de ser asociación, e ese é o peche do ciclo, porque imos co calendario escolar, de setembro a xuño, xa que no verán os veciños teñen os seus plans. Tamén fixemos unha actividade no outono sobre micoloxía, o ano pasado foi en Celanova, no Plan C da man de Alejandro Minguez, e agardamos repetir. Organizamos este ano o primeiro Pontesía, que foi un éxito e repetiremos en 2017. Tivemos unha charla sobre biodiversidade; outra do fotodocumentalista Gabriel Tizón sobre o tema dos refuxiados; e a presentación de dous libros, un de Xavier Paz e o de Érica Esmorís, gañadora do premio Xerais 2015. Tamén temos previstas unha serie de camiñatas para coñecer o barrio, fixemos un roteiro interpretativo cos amigos de Ríos Limpos e fomos ata Santa Comba de Naves, e haberá outras.

A última ata agora foi unha iniciativa chamada “Baño de bosque”, unha camiñata relaxante que busca que vexamos o bosque doutra maneira, percibindo cores e olores, logo fomos a Trandeiras, visitamos o que queda do mosteiro e ao museo etnográfico de Vilar de Santos, rematando cun xantar, porque somos socios e amigos e así confraternizamos.

E á volta do verán faremos unha actividade de lectura, que consiste en ler un libro de Hemingway e relacionalo cos cadros de Hopper, así como unha charla sobre mitos e realidades do cancro de mama”.

A asociación non conta con local propio.

X.R.: “Non, cobramos unha cota mínima, cinco euros ao ano, e non nos permitiría manter un local. Queremos que a xente poida traer as súas ideas, e a partir de aí as actividades se autofinancien, para que cada un pague algo polas actividades que lle gustan, non polas demais. De todos os xeitos, procuramos facer cousas que sexan populares, que todo o mundo poida participar. Usamos o Centro Cívico da Ponte, a biblioteca pública, e o local do Andén I. Estamos contando para arrancar coa xenerosidade de todas as persoas que nos axudan, que nos ceden os espazos, que colaboran para realizar as actividades, e queremos agradecerllo”.

Enviádelle unha mensaxe aos veciños da Ponte e a todos os ourensáns.

X.R.: “Nós temos catro canles de comunicación: Twitter, Facebook, viavelladepontecanedo@gmail.com e nós mesmos para que nos paren pola rúa. Esta é a asociación de todos, dos que viven na Ponte e de toda aquela persoa que queira que o sexa, acá todo o mundo é ben recibido. Precísanse ideas e mans, e encantaranos colaborar con persoas, asociacións e institucións para o ben común da Ponte, para que teñamos un barrio saudable, próspero, onde a xente viva feliz e orgullosa, onde a xente coñeza o seu pasado para encarar o seu futuro. E convidamos a todos os ourensáns a que organicen calquera actividade no barrio serán ben recibidos e axudarémoslles no que sexa, o noso labor é positivo, aberto e só buscamos sumar”.