Valoración do grupo Son de Trives sobre o último pleno en Trives.

O acontecido no último pleno do concello de Trives (expulsión dun concelleiro) foi significativo, mais non especialmente excepcional, xa que é bastante habitual que desde a alcaldía se tomen posturas antidemocráticas coa oposición:

En numerosas ocasións, cando o concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, solicitou información sobre temas que afectan ao concello, tanto verbalmente como por escrito con rexistro de entrada no concello, obtívose “a calada por resposta”, levando o tema incluso ante a valedora do pobo (institución que lle deu a razón a Son de Trives).

Desde a alcaldía lóanse da transparencia no concello, mais a realidade dista moito de ser así: ocultase información –inda que sexa pública-, o alcalde nos plenos responde ás preguntas faltando á verdade e sen dar lugar a quenda de réplica, impedindo contrarrestar as súas afirmacións, con información sesgada ou incompleta, imposibilitando deste xeito que a oposición poida exercer a súa función e defender a súa postura.

A forma de entender a democracia do grupo de goberno vese reflectida nestas verbas do alcalde, no último pleno: «vostede fala se eu o permito, e levanto a sesión cando me veña en gana», expulsando da sesión plenaria posteriormente ao concelleiro de Son de Trives.

Cando as diferenzas de opinión levan a un alcalde a expulsar a un concelleiro dun pleno (non esquezamos que os/as concelleiros/as representan a una parte da cidadanía, cuxa voz queda silenciada en casos coma este onde se coarta o seu dereito á participación política), podese falar de moitas cousas e por moitos nomes, mais non «democracia», nin «transparencia na xestión municipal», e esta, por desgraza é unha situación que non se da so neste concello, senon en moitos outros, por eso é preciso visibilizalas, porque eso si é practicar a democracia e a transparencia, non so de palabra, senon tamén con feitos…

Por eso, desde Son de Trives solicitamos un cambio de actitude na equipa de goberno municipal, acorde aos tempos nos que estamos, onde se fomente o diálogo, o debate construtivo, a democracia participativa, etc.

Son de Trives