Un choque producido durante a celebración do Rallymix deixou a instalación inservible fai preto de dous meses.

Veciños da Devesa piden o arranxo da marquesiña na que agardan o autobús

O Grupo Municipal Socialista de Piñor faise eco das numerosas queixas que lle fan chegar os veciños sobre o mal estado dunha marquesiña no pobo da Devesa. Durante a celebración do Rallymix de Piñor produciuse un choque contra a mesma, por parte dun dos coches que participaban, que a deixou en moi mal estado. A día de hoxe, case dous meses despois, o Concello non procedeu ó seu arranxo, ocasionando unha gran incomodidade entre a veciñanza, que non pode facer uso da instalación. “A caseta, en principio destinada a agardar polo ómnibus, é empregada polos veciños para descansar e resgardarse das inclemencias meteorolóxicas; cousa que non poden facer nestas semanas por perigo a sufrir danos físicos”, explican dende o PSOE.

“O goberno de Piñor, no cando de proceder ao seu arranxo inmediato, colocou alí unha valla, sen facer máis nada”, denuncian. “A deixadez por parte deste goberno acadou límites intolerables, importándolle pouco a seguridade dos habitantes do Concello ou o seu benestar”, engaden; e instan ao Concello a que proceda ao arranxo inmediato da marquesiña.