O videoclip amosa imaxes de distintas localización da xeografía ourensá e galega coa canción “El ganador”, composta por Marta Sánchez especialmente para a ocasión.

Ourense, un dos protagonistas do spot da “Vuelta a España”

A “Vuelta a España” 2016 estreou este martes o seu spot oficial no Teatro Principal de Ourense coa canción composta e creada para esta ocasión, “El ganador”, de Marta Sánchez, destacando no videoclip as imaxes da provincia de Ourense e da xeografía galega como protagonistas.

No acto de presentación participaron o director xeral da “Vuelta”, Javier Guillén; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a artista Marta Sánchez; e o secretario Xeral de Deporte da Xunta, José Ramón Lete, acompañados polo músico ourensán Daniel Minimalia, e o gaiteiro Anxo Lorenzo, quen tamén participaron na gravación do spot.

Manuel Baltar destacou a importancia deste evento deportivo para a provincia de Ourense como “unha das tres probas de ciclismo máis importantes de ámbito mundial, que nesta 71 edición terá a Ourense como protagonista”. O presidente da Deputación de Ourense dixo que esta proba ciclista ademais de deporte “supón repercusión económica e proxección mediática, impulsada con este videoclip, cunha canción que foi escrita e creada, especialmente para esta ocasión, pola raíña do pop español, Marta Sánchez”.

Marta Sánchez dixo que crear esta canción «é unha grande oportunidade para promocionar con forza “Galicia no mundo”, unha das terras máis belas”, e lembrou a súa vinculación con Galicia, por ser gran parte da súa familia de aquí. Ademais asegurou que descubrira “paraxes espectaculares en Ourense”, e que sempre estivo moi vencellada ao mundo do deporte. Así mesmo, felicitou a Minimalia e a Anxo Lorenzo “por poñer o seu toque maxistral” ao tema «El ganador».

Javier Guillén explicou que contar con Marta Sánchez na gravación do spot de “La Vuelta” débese a que “na busca da calidade para ser os mellores, topamos en Marta a excelencia”, e engadiu que contar con ela “vainos permitir chegar a todo tipo de públicos. Sempre que canta fainos bailar e, a partir de agosto, faranos pedalear”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou que a emisión deste spot de xullo a setembro é “unha magnífica ferramenta para dar a coñecer a excelente gastronomía e o patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega”, e engadiu que esta proba “conxuga deporte con promoción turística, e este spot supón unha carta de presentación de Galicia como destino, a nivel internacional”.

O spot que se emitirá en televisión a partir do 2 de xullo “anunciará que “La Vuelta” se retransmitirá en TVE desde o 20 de agosto, e ademais atraerá á xente para que vexa a proba a través da televisión e tamén se anime a visitar Galicia”, sinalou o director da “Vuelta”.