Os participantes recibirán explicacións teóricas e prácticas de fotografía.

Arslumen Fotografía e Tapería Dieciocho, organizan para o sábado 2 de xullo un roteiro fotográfico polo río Loña. Trátase dunha xornada que combina fotografía –con leccións teóricas e prácticas a cargo da fotorreporteira Rosa Veiga– e gastronomía.

A ruta dará comezo ás 11 horas, diante do colexio de Mende. Desde alí comezará un paseo de tres quilómetros, no que ademais de mover as pernas, a monitora tentará activar todo o que é necesario para facer fotos e comprender como e por que se fan dun xeito ou doutro. Diante, unha paisaxe de bosque autóctono, piñeiral e acacias, rachado pola líña e son do río Loña, que salta entre penedos, orixinando “marmitas de xigante” e fervenzas. Percorrerase a beira esquerda do río Loña, primeiro polo camiño de Mende e logo por sendas estreitas que se achegan e alonxan do río até chegar á “presa negra”, que é o encoro de Castadón.  Os pilotes de formigón armado dese encoro permiten o paso cara á beira dereita do río Loña onde se encetará camiño de volta por veredas e algún vello camiño de carros, até o castro de San Tomé, logo, polo pobo do mesmo nome e pola Verea Vella até o colexio de Mende.

Está previsto que a ruta remate contra as 14:30 horas, e a partir de entón, nova parada, desta volta na Tapería Dieciocho, para un xantar composto por táboa de embutidos ibéricos, mexillóns con vinagreta de fresa, táboa de queixos e guacamole de papaia, pescada ao forno con tomate confitado ou entrecosto de tenreira, e surtido de postres, pan, bebida e café.

Con posterioridade haberá tempo para a visualización, comentario e selección das fotografías da ruta. A sesión de tarde se destinará a seguir aprendendo, resolver máis dúbidas, comentalas imaxes e escoller as preferidas de cada un. O estudo fotográfico Ars Lumen será o encargado de preparar as fotos seleccionadas, en papel e soporte adecuados, para que integren unha exposición que estará pendurada na propia Tapería Dieciocho, uns días despois. Cada participante levarase a copia da sua fotografía, cando remate a exposición.

O prezo da xornada gastro-fotográfica é de 55 euros.  Na actividade poderán participar un mínimo de dez e un máximo de quince persoas, que deberán inscribirse en Ars Lumen ou na Tapería Dieciocho, ou solicitar máis información no 629 882 391 (Rosa Veiga).