O sector vitivinícola da zona e profesionais de toda España reuniranse no Mosteiro de San Clodio o mércores 29 de xuño para coñecer os premiados.

A DO Ribeiro premiará o xornalista Cristino Álvarez

A Denominación de Orixe Ribeiro vive o mércores 29 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro), a súa gran cita anual: a entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que este ano celebra a súa quinta edición. Os Premios, organizados polo seu Consello Regulador, recoñecerán os mellores viños brancos, de adega e de colleiteiro, e tinto da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Durante o evento entregarase o Premio Persoeiro de Honra 2016 ao xornalista galego Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa andaina profesional e á divulgación dos viños do Ribeiro a través das súas crónicas. No 2015, o galardón foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelín, e na edición 2014 recolleuno o sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca).

Tamén hanse coñecer os gañadores do resto das distintas categorías: Premio “Mellor tarefa de comunicación”; Premio “Mellor servizo de viño en restaurante”; Premio “Mellor tenda especializada – viñoteca”; Premio “Mellor taberna – bar de viños”; Premio “Mellor Viño Branco Adega”; Premio “Mellor Viño Branco Colleiteiro”; e. Premio “Mellor Viño Tinto”.

No histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas, reuniranse profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, divulgadores…

Perfil de Cristino Álvarez

Cristino Álvarez, Caius Apicius nas súas crónicas gastronómicas, é un dos xornalistas do sector máis lidos das últimas décadas, grazas aos seus artigos distribuídos pola Axencia Efe a máis dun cento de medios. Entrara na Axencia en 1974, pero apostou por cambiar as crónicas das cociñas políticas polas dos fogóns en 1981. Trala súa xubilación oficial, non parou e podemos seguir a gozar dos seus artigos.

Coruñés, non se considera crítico senón contador ou gastroarqueólogo. Claro e directo no estilo, estudoso e didáctico, xeneroso no trato… a súa orixe e o coñecemento que atesoura sobre os produtos galegos reflíctense en moitos dos seus escritos.

Cristino Álvarez mereceu numerosos recoñecementos e distincións ao longo da súa carreira, como o Premio Nacional de Gastronomía, que recibiu en 1991. Tamén é membro das Academias Española e Galega de Gastronomía, e autor de máis dunha ducia de libros e infinidade de artigos en prensa. A eses galardóns suma agora o Premio Persoeiro de Honra da Denominación de Orixe Ribeiro.