A demora coa Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e soares e de protección contra os incendios forestais vai facer imposible que se aplique este verán

Este mércores mataba o prazo para que os grupos municipais presentaran alegacións ao borrador da Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e soares e de protección contra os incendios forestais.

O procedemento, aberto no mes de marzo pola Concellería de Medio Ambiente, leva unha demora de tres meses provocada, a xuízo de Ourense en Común, pola falta de seriedade do concelleiro responsable da área, José Araujo, que pretendía levar o documento a pleno irregularmente, sen cumprir as dilixencias que a propia administración ten establecidas, como estes 10 días de prazo para achegar emendas ao texto tras a súa presentación aos grupos.

“Poñer freo á lacra de lumes forestais, habería de pasar por axilizar o trámite, pero seguindo os procedementos axeitados que a propia administración ten”, apunta Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común. O retraso da tramitación vai facer imposible que esta ordenanza se aplique este verán, xa que tras a súa aprobación, previsiblemente no pleno ordinario do mes de xullo, aínda tería que someterse a un mes de exposición pública para que tamén a veciñanza poda presentar alegacións.

Ourense en Común presentou xa no mes de abril diferentes emendas ao documento saídas dunha mesa-debate aberta á veciñanza, referidas á plantación de eucaliptos, á terminoloxía empregada no texto, á ambigüidade dalgúns preceptos, e propoñendo ademais a necesidade de campañas de información e concienciación antes de impoñer sancións.

Nos últimos días, OUeC engadiu unha alegación máis, para que a veciñanza sexa notificada do contido da ordenanza, e propoñendo incorporar ao texto os artigos necesarios que regulen o Banco de terras municipal de Ourense, o seu desenvolvemento, uso e características, informando ás veciñas e veciños da existencia e as posibilidades do mesmo, xa que constituiría un recurso fronte ao abandono das terras, xerando un impacto positivo nos ámbitos ambiental, económico e social de Ourense.

Ourense en Común cuestiona tamén o traballo desta Concellería na responsabilidade que lle toca en canto á limpeza. “Están traballando nunha ordenanza que vai impoñer ás veciñas normas de limpeza cando o propio concello non asume a súa parte e ten problemas para adxudicar a desratización do municipio, ten problemas con CESPA pola limpeza zonas verdes, faltan tarefas de desbroce e temos pulgas, serpes, e contaminación no río Barbaña.”