Xornada sobre “Destinos Turísticos Intelixentes, comercialización e experiencias Spain.info” en Laias.

Ourense podería ser o primeiro «Destino Turístico Intelixente»

O Goberno de España confirma que Ourense pode ser a primeira provincia “Destino Turístico Intelixente”. Así o deu a coñecer este xoves Antonio López de Ávila, presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), pertencente ao Ministerio de Industria, na celebración da xornada sobre “Destinos Turísticos Intelixentes, comercialización e experiencias Spain.info”, que tivo lugar no balneario de Laias (Cenlle), coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e coa asistencia de medio cento de técnicos de turismo e cultura dos concellos da provincia, alcaldes e touroperadores. O obxectivo do encontro foi achegar coñecementos e experiencias para aportar valor á riqueza turística da provincia e coñecer as plataformas de promoción do turismo que xestiona o Ministerio de Industria.

Previsamente, o traballo desenvolvido nos últimos tempos por parte da Deputación, potenciando a “marca Ourense” nos ámbitos da promoción turística, cultural, deportiva e económica, xunto coa innovación en materia de xestión tecnolóxica, fan que a provincia ourensá sexa considerada un «territorio de vangarda” para aplicar as innovación de xestión no ámbito do turismo e acadar a distinción de ser a primeira provincia denominada “Destino Turístico Intelixente”.

Manuel Baltar cualificou como “básico e primordial” posicionar á nosa provincia “aplicando a innovación na xestión do sector turístico, e promovendo á vez o emprendemento e a internacionalización para potenciar as singularidades do noso territorio”

López de Ávila destacou o labor que está a desenvolver a Deputación de Ourense coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo «que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense». Por elo, Segittur, que desenvolve proxectos nos ámbitos da tecnoloxía, o emprendemento, a internacionalización, a innovación e o coñecemento aplicados ao sector turismo, fixouse no traballo que está a realizar a Deputación de Ourense para certificar que o territorio ourensán será a primeira provincia co distintivo «Destino Turístico Intelixente».

Ser «Destino turístico intelixente», supón aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs, para crear servizos diferenciais e competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo.