A primeira fase deste pioneiro proxecto desenvolverase en agosto cun campo internacional con 20 voluntarios que chegarán de todo o mundo.

Un campo de traballo rehabilitará fincas abandonadas para cederllas a familias sen recursos e que poidan explotalas

«Un rural para tod@s», campo de traballo internacional que se celebrará en Ourense entre os días 1 e 11 de agosto, é un proxecto piloto que promove o Concello de Ourense -coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Pparticipación Social e Voluntariado e a organización de Sustinea- para recuperar fincas abandonadas do entramado urbano e destinalas ao sustento de familias en risco de exclusión social. “Boas noticias”, comentou o alcalde Jesús Vázquez, “pois actividades coma esta son as que dinamizan as políticas sociais e ambientais, cuestións ambas das que sempre debemos estar preocupados se queremos medrar de forma sostible como cidade e como sociedade”.

Este campo de traballo é un proxecto que facilitará a segunda fase do proxecto. Coa participarán 20 mozos e mozas de países de todo o mundo, e con carácter voluntario, acondicionaranse terreos –dúas fincas urbanas, unha na Carballeira e outra na rúa Dr. Fléming– para o seu uso agro ecolóxico, incluíndo a dotación de elementos de apoio para as parcelas, coma un pequeno pendello para almacenaxe e un invernadoiro, o deseño de hortas e a plantación de verduras de outono-inverno. Tamén realizarán actividades de formación e asesoramento na comercialización de produtos agrícolas.

Cecilia Vázquez , directora xeral de Xuventude, Participación Social e Voluntariado, destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes, o que vén sendo a educación non formal”, dixo. Porén, haberá tamén tempo para o lecer con visitas ás termas, xogos e visitas guiadas pola cidade para os integrantes do campo de traballo.

A segunda fase, rematado o campo de traballo, será a de carácter de inclusión social. Rebeca Carreiro, coordinadora de actividades de Sustinea, destacou que os hortos acondicionados polos voluntarios do campo de traballo serán destinados a familias con risco de exclusión social “para o seu consumo propio e despois para a comercialización destes produtos”.