Moitas son as dúbidas que asaltan cando a 9 de xuño de 2016 non está asegurada a presenza do Club Ourense Baloncesto a vindeira campaña na Liga Endesa. E moitos son os interrogantes por e poucas son as respostas.

Moitas preguntas sen resposta

Un ano despois de que o equipo lograra o ascenso no quinto partido do playoff final ante o Breogán, a realidade é que o Club Ourense Baloncesto -Ourense Provincia Termal- non ten asegurada a súa presenza na ACB.

Nas últimas datas todas as miradas se dirixiron aos grupos municipais do Concello de Ourense. Pero volvamos atrás uns meses no tempo.

O ano pasado había un acordo entre COB e Abanca que se rompeu para volver negociar outro que non castigara tanto ao club.

Entón, por que a finais do ano pasado, principios deste, a entidade bancaria entrega o mesmo contrato ao consello de administración do club? Non era que prexudicaba considerablemente ao club? Por que o banco presenta un novo o 29 de abril, a 16 días de que se abra o período para entregar á ACB os case tres millóns de euros necesarios? Por que cando o presentan o alcalde de Ourense o tacha de “ilegal para o Concello” e con “cláusulas leoninas”? Por que desde a directiva non se plantaron ao ver que pasaban os meses e que non tiñan ningún acordo que presentar a Concello e Deputación para que o valorasen os seus interventores? Por que non se valorou outra alternativa máis aló de que sexan Concello e Deputación os que poñan os cartos para entrar na ACB? Por que a Deputación di que apoia incondicionalmente ao COB, e deseguido, engade que coa condición de que o Concello achegue a mesma cantidade? Iso é apoio sen condicións? Por que a Deputación non deixa negociar con outra entidade que non sexa Abanca? Cando un precisa pedir un crédito acostuma mirar varias alternativas e queda coa que mellores condicións lle ofrece, ou non? E se ten que ser cunha entidade si ou si será por que proporcionará algunhas vantaxes, ou non? Por que sobre a bocina se dá permiso aos directivos para que negocien con outras bancos? E sobre todo, por que sempre ten que ocorrer algo cada verán en casa COB?